Escoitar

O alcalde destaca o labor de Foanpas e da comunidade educativa no inicio do comedor nos colexios

A Federación Olívica de Pais e Nais de Alumnos retomou este luns 19 de outubro o comedor en cinco centros educativos coa previsión de que o vindeiro 2 de novembro estea en funcionamento en tódolos colexios asociados. Caballero agradece o “traballo e esforzo” que realizan as nais e pais e a comunidade educativa nestes momentos.

martes, 20 out 2020

Para o rexedor o inicio dos comedores de Foanpas é unha noticia que “tranquilizará a moitas nais e pais” que precisaban a prestación deste servizo para conciliar e apuntou tamén a importancia dos comedores no caso dalgúns nenos e nenas que poden realizar así unha “única comida decente”, dada a difícil situación que atravesan as súas familias.

Neste sentido, Caballero destacou o convenio do Concello con Foanpas polo que a federación de pais e nais recibe 606.000 euros anuais para financiar a súa actividade, amais das bolsas de comedor que se conceden ás familias viguesas. O rexedor agradeceu o traballo de Foanpas, de cada unha das anpas da cidade e da comunidade educativa polo “traballo e esforzo que realizan e polo seu comportamento nun momento tan difícil”.

Ao longo desta semana, os colexios educativos irán incorporando o servizo de comedor coa previsión de estaren todos en funcionamento, uns 23, o 2 de novembro. Este luns iniciaron o servizo: Eduardo Pondal, García Barbón, Sobreira, Frián e Hernán Cortés; comezarán mañá mércores: Valle Inclán e Igrexa de Candeán; o vindeiro luns, 26 de outubro: Aragón, Balaídos, Carballal, Illas Cíes, Josefa Alonso, Mestres Goldar, Mosteiro, Santa Tegra, Monte da Guía, Paraixal, Seis do Nadal e Pintor Laxeiro; e os últimos en incorporarse desde o 2 de novembro: Canicouba, Escultor Acuña, Otero Pedrayo e Párroco don Camilo.

Abel Caballero informou amais da entrega de 300 vallas a máis de 25 colexios da cidade, tanto públicos como concertados, para axudarlles a adaptar os seus espazos ás medidas de prevención fronte ao Covid-19 e reiterou a disposición do goberno municipal a ceder novos materiais a aqueles centros que os precisen porque, dixo, “a ensinanza é para este Concello unha cuestión de máxima importancia”.