O goberno de Vigo iniciará en 2021 as obras da biblioteca de Teis, que abrirá no 2022
O alcalde visitou este martes o edificio do antigo centro de saúde, cedido polo Goberno de España ao Concello, que o reconverterá nunha biblioteca dun centenar de prazas. Cun orzamento de 900.000 euros, o Concello calcula que comezará a construción o ano que vén para inaugurala no 2022.
Abel Caballero confirmou que o proxecto está concluído e modificará por completo a actual estrutura de catro plantas do antigo ambulatorio de Teis, non apta para o seu uso futuro. Ademais de presentar un deseño arquitectónico “notable”, a biblioteca rebaixará a altura máxima do inmoble e proporcionará uns 600 m2 de espazo utilizable, cun “hall verde” na entrada e unhas cen butacas de estudo e lectura.
O orzamento será de 900.000 euros, que o Concello de Vigo cargará aos remanentes municipais, unha vez o Congreso dos Deputados desbloquee a utilización dos aforros das cidades, votación prevista para este mesmo martes, segundo adiantou o alcalde.
Abel Caballero recordou que foi o actual Goberno de España o que cedeu o edificio ao Concello, logo da negativa a facelo polo executivo anterior, presidido por Mariano Rajoy. En paralelo, o rexedor engadiu que en Vigo “gobernou o Bloque, gobernou o PP e non fixeron en Teis ningunha biblioteca; imos facela nós”.
“Seguimos na apertura de novos centros de cultura, novas dotacións culturais para a cidade”, asegurou o alcalde: “Temos unha no Calvario, temos Navia, temos Bouzas e agora Teis. A cultura ocupa un lugar central na cidade de Vigo”.