Caballero: “A obra da Porta do Sol vai marcar Vigo, a cidade terá a praza que nunca tivo”
O alcalde de Vigo visitou este luns a Porta do Sol ante o inicio inminente do “groso” da obra de humanización. A maquinaria para construír o túnel que desviará o tráfico xa chegou e todo está listo para comezar a traballar. “Esta obra vai marcar Vigo historicamente para ben, a cidade terá a praza que nunca tivo”, sinalou.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudiu este luns a visitar as obras da Porta do Sol xunto á primeira tenente de alcalde e presidenta da Deputación, Carmela Silva; o delegado do Consorcio da Zona Franca, David Regades, e o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento e Servizos, Javier Pardo.
“É unha obra que vaia marcar Vigo historicamente, terá o que nunca tivo, zona de encontro. Xa chegou a maquinaria para o groso da obra, a peonalización xa se fixo pola vía de feito, está funcionando moi ben co tráfico cortado, xa é zona de encontro, pero hai que facer o túnel para facilitar o tráfico”, sinalou o rexedor en rolda de prensa.
O alcalde indicou que é necesaria a construción do túnel porque o desvío de autobuses “xeraría un caos e cada persoa perdería un cuarto de hora se ten que dar un rodeo”. O novo paso subterráneo está financiado con fondos europeos e Caballero indicou que “estudamos agora unha nova ampliación para que non teña a saída en Elduayen”.
A humanización e transformación da rede viaria na Porta do Sol supón crear 8.000 metros cadrados de espazo público peonil, dotado de zonas verdes e mobiliario urbano con elementos singulares, como un estrado-escenario, unha réplica das illas Cíes ou unha maqueta tiflolóxica que amose a configuración do novo espazo para as persoas con visibilidade reducida.
A ordenación do ámbito peonil complétase coa execución dunha rampla mecánica en Carral para facilitar a mobilidade vertical da cidadanía, dando continuidade ao itinerario que seguen as actuais escaleiras mecánicas que van da Porta do Sol á zona do Concello.
O proxecto recolle ademais a reposición e construción de redes de servizos urbanos, como a iluminación pública, gas, electricidade, telecomunicacións, saneamento e abastecemento na Porta do Sol e en Elduayen.
Día contra o cancro de mama
O alcalde tamén informou de que este luns o Concello iluminará de rosa as fontes de Jenaro de la Fuente con Aragón para conmemorar o Día internacional contra o cancro de mama. O martes, 20 de outubro, co gallo do Día internacional das mastocitosis e patoloxías mastocitarias tamén serán iluminadas as fontes de morado. Ademais, o próximo martes, 27 de outubro, tamén estarán iluminadas de laranxa polo Día nacional do Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).