Escoitar

O TSXG avala a posición do Concello en dúas sentenzas sobre a PassVigo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de emitir sendas resolucións que rexeitan as pretensións de Redondela e Mos sobre a tarxeta PassVigo, dando a razón ao concello vigués. Para Abel Caballero, as sentencias son “moi satisfactorias” e reflicten as “razóns político partidarias” das denuncias.

mércores, 21 out 2020

O alcalde valorou este mércores dúas sentenzas “moi satisfactorias” emitidas polo TSXG con respecto á tarxeta cidadá PassVigo, avalando a defensa do Concello de Vigo e desestimando a postura dos concellos recorrentes de Mos e Redondela sobre as tarifas do autobús e o criterio de censo.

En ambos casos cabe recurso á instancia xudicial superior, polo que non varía na práctica a situación actual no relativo ás tarxetas de pago do autobús urbano de Vigo. En calquera caso, para Caballero o Tribunal valida “completamente” a posición do Concello que preside, pois sinala que houbo un acordo administrativo firme sobre as tarifas no 2014, adoptado pola administración local viguesa, competente na materia, que non foi recorrida entón en forma e prazos.

“É unha evidencia que eses dous recursos foron presentados por razóns político partidarias do PP contra Vigo”, aseverou Caballero en rolda de prensa. “Había unha decisión firme sobre as tarifas (do autobús urbano) do ano 2014”, que foi “firme e non recorrida” e “a PassVigo é unha fórmula de pago de diferentes servizos na cidade e que corresponde á cidade de Vigo”.

O alcalde defendeu poder aplicar unha “discriminación positiva” para os vigueses e viguesas, argumentando que é “o núcleo central da política municipal”. Así, alegou que “existen vantaxes para empadroados en Mos ás que os empadroados en Vigo non teñen acceso”, porque “os concellos temos o dereito de facer política de discriminación positiva para os nosos cidadáns”.

Por último, Abel Caballero manifestou que “entendo” e “paréceme moi ben” que os habitantes da área de Vigo queiran tamén bonificacións no autobús urbano como as que aplica o Concello para os censados, “pero ten que pagalas a Xunta de Galicia, non o Concello de Vigo”, ao ser unha “cuestión intermunicipal”. É “exactamente igual”, conclúe, “que se enfermo en Madrid e recibo atención hospitalaria, vaina pagar a Xunta de Galicia, non a paga a Comunidade de Madrid senón a Xunta de Galicia”.