Escoitar

O Concello avanza para iniciar en 2021 o cobro da auga por consumo

O Pleno aprobou este mércores o proxecto de modificación da ordenanza para que o recibo sexa máis progresivo, en función do consumo, e fomentar o uso responsable da auga. O concelleiro de Facenda asegurou que o recibo baixará para a maioría das familias.

mércores, 30 set 2020

Logo da súa validación a finais de agosto pola Xunta de Goberno Local, o Concello continúa coa tramitación administrativa para aplicar no próximo ano o cobro da auga por consumo e este mércores o Pleno deu luz verde á aprobación inicial da modificación da ordenanza, cos votos a favor do grupo do goberno vigués e en contra dos sete concelleiros da oposición.

Na defensa da proposta, o concelleiro de Facenda explicou que o consumo terá maior peso na tarifa, cun prezo de sete céntimos de euros para os primeiros cen litros por persoa e día, a cantidade que a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera óptima para garantir as necesidades vitais das persoas. A partir desa cifra, a auga terá un prezo superior a eses sete céntimos, polo que se terá en conta o número de persoas empadroadas na vivenda.

Jaime Aneiros indicou que o novo sistema reducirá o recibo da maioría das familias viguesas e ademais incorpora unha bonificación social na auga da que poderán beneficiarse 4.000 familias viguesas con poucos recursos. Por outro lado, se mellorará a tarifa nos edificios con sistema de auga comunitaria, cunha redución neste tramo da factura de entre o corenta e o sesenta por cento.

O futuro sistema de facturación aclarará ademais os custes fixos do servizo, relativos ao mantemento das redes de abastecemento de auga, sumidoiros e depuración. Concluíu Aneiros na súa exposición que o modelo reducirá o pago para a maioría e subirá para os que fagan un consumo extensivo de auga, como no rego de xardíns ou enchido de piscinas.

Debate

Os concelleiros dos distintos grupos da oposición denunciaron que o cambio é realmente de estrutura da tarifa, non unha nova factura na que se abone en función do consumo real, censuraron un incremento ata os case 29 euros das cotas fixas do servizo e aseguraron que o aforro será moi pouco significativo.

O concelleiro de Facenda contestou que ningún outro goberno de Vigo modificara anteriormente o recibo para aplicar o consumo real e lamentou que, mentres que o Concello baixa o recibo aos consumidores responsables, a Xunta de Galicia subiu o seu canon. Recordou Aneiros que as redes da traída e depuración deben ser mantidas, de aí os custes fixos do servizo.