A Corporación Municipal reclama á Xunta que resolva a situación dos comedores escolares de Vigo
O Pleno aprobou este mércores unha moción do grupo municipal do PSOE no que se pide á Xunta de Galicia que resolva a situación das aulas matinais e comedores xestionados por Foanpas. Ademais, tamén foi aprobada outra proposta socialista para reclamar ao Goberno autonómico que facilite máscaras de uso obrigatorio para o alumnado das familias máis vulnerables.
O Pleno Municipal do Concello de Vigo, na súa sesión ordinaria de setembro, aprobou dúas mocións do grupo socialista instando á Xunta de Galicia a solucionar a problemática dos comedores escolares e a facilitar máscaras ao alumnado de familias en situación de vulnerabilidade.
Os votos favorables de PSOE, grupo mixto e concelleiro non adscrito serviron para darlle o visto e prace ás dúas reclamacións do Concello ao Goberno autonómico, cuestións que votou en contra o grupo municipal do Partido Popular.
Por un lado, os socialistas alertaron da situación das aulas matinais e os comedores dos centros escolares, posto que a Federación Olívica de Nais e Pais de Vigo (Foanpas) xa alertou da imposibilidade de xestionar o servizo sen o apoio e o financiamento da Xunta.
Ademais, tamén reclaman que a comunidade autónoma dispoña fondos para que as familias máis vulnerables poidan adquirir as máscaras de protección que son obrigatorias para o alumnado.