Escoitar

O Pleno esixe investigar no Parlamento galego a xestión da pandemia nas residencias de maiores

A maioría dos grupos políticos acordou esta mañá instar ao Parlamento galego a poñer en marcha unha comisión de investigación sobre a xestión da crise sanitaria nas residencias de maiores. O concelleiro non adscrito contou co apoio do PSOE e de En Marea para sacar adiante unha moción que tamén demanda un novo modelo de atención a estas persoas máis vulnerables.

mércores, 30 set 2020

Todos os grupos municipais, coa excepción do PP, deron luz verde esta mañá a unha moción que esixe a posta en marcha no Parlamento de Galicia dunha comisión de investigación sobre a xestión da pandemia nas residencias de maiores e nos centros de discapacitados. Defendido polo concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, texto solicita á Xunta que proceda á intervención de todas as residencias de maiores para poñelas baixo control público e blindar estes centros co obxectivo de evitar que se convertan no maior foco de contaxios e mortalidade nesta segunda onda do coronavirus. O Pleno acordou tamén demandar ao Goberno galego a promoción das actuacións precisas para poñer en macha un novo modelo de atención ás persoas maiores que, apostando pola xestión pública, garanta o dereito a unha vellez digna e que dote a nosa cidade dunha oferta suficiente de prazas públicas.

Parque de vivenda

Outra das mocións aprobadas na sesión desta mañá pasa por instar ao Concello a estudar a creación dun parque municipal de vivenda de emerxencia con inmobles procedentes da SAREB, aproveitamentos lucrativos de convenios urbanísticos e cesións voluntarias de activos de entidades bancarias. Defendido pola concelleira do grupo de En Marea, Oriana Méndez, o texto defende, entre outros asuntos, instar á Xunta de Galicia a acometer as modificacións lexislativas precisas para evitar o aumento de alugueiros en Galicia e as prácticas especulativas relacionadas cun dereito fundamental como é a vivenda. Esta moción saíu adiante cos votos a favor do grupo propoñente e do concelleiro non adscrito e coa abstención do PSOE e do PP.