Escoitar

O Concello insta á Xunta a dotar de medios e persoal aos centros de atención primaria

A Corporación sacou adiante este mércores unha moción do grupo do goberno de Vigo na que se demanda á Xunta de Galicia “á adopción de medidas inmediatas para solucionar a situación na que se atopa a atención primaria de Vigo e que tanto preocupa a profesionais e usuarios”.

mércores, 30 set 2020

O documento indica na súa exposición de motivos que a atención primaria viguesa xa carecía do persoal e os medios necesarios antes da irrupción da pandemia, que agora agrava unha situación “denunciada de forma reiterada polos propios profesionais sanitarios e por toda a sociedade”.

A moción sinala que a consulta maioritariamente telefónica e as limitacións de acceso aos centros de saúde “están a dificultar a detección e atención de patoloxías clínicas distintas”, e denuncia “saturación” dos ambulatorios e “atrasos intolerables de ata catorce días”.

“Fronte a esta situación, a Xunta de Galicia non está a tomar as medidas urxentes para poñer solucións”, continúa o texto, que demanda do goberno autonómico máis profesionais e medios materiais que garantan unha atención médica “digna”. A moción, presentada e defendida polo goberno de Vigo, foi avalada por todos os grupos da Corporación municipal salvo o Partido Popular, que se abstivo.