Escoitar

O Pleno aproba de forma provisional a bonificación das taxas sobre licencias de obras, construción e ocupación de vía pública

Licencias urbanísticas de obras e de actividades, impostos sobre construcións, instalacións e obras e taxas de ocupación de vía pública nas festas especiais estarán bonificadas polo Concello de Vigo. O Pleno da Corporación deu o primeiro paso para aplicar a redución de impostos coa aprobación inicial das ordenanzas fiscais.

mércores, 30 set 2020

O Pleno Municipal do Concello de Vigo, na súa sesión ordinaria de setembro aprobou de forma provisional o proxecto de modificación das ordenanzas fiscais reguladoras do imposto sobre construcións, instalacións e obras; licenzas urbanísticas de obras e instalacións, e postos de venta na vía pública. A proposta saíu adiante cos votos do PSOE, mentres que o concelleiro non adscrito, os do grupo mixto e os do PP votaron en contra.

“Melloramos a vida dos cidadáns e melloramos tamén as súas actividades económicas”, sinalou o concelleiro Xaime Aneiros durante a súa intervención, na que defendeu as iniciativas do goberno local durante a pandemia do Covid-19, como as deducións nas taxas de auga e lixo, para favorecer aos negocios que estiveron parados na crise sanitaria.

No tocante á bonificación de licencias urbanísticas, quedan eximidas de taxas as obras de reforma e adaptación de locais para actividades económicas en inmobles de ata 150 metros cadrados e contémplase a exención de licencias de primeira ocupación e de activade.

Respecto á bonificación de imposto sobre construción, instalación e obras, as de grande valor terán unha redución do 20% e queda suprimida a necesidade de solicitar a bonificación, concedéndose de forma automática.

Tamén no caso de ocupación de vía pública, en colaboración coa Concellería de Comercio, existirá unha bonificación da taxa para as actividades enmarcadas nas festas de especial interese municipal (Nadal, Entroido, A Reconquista, Marisquiño e festas tradicionais dos barrios e parroquias).

O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, sinalou que “as 38 emendas presentadas polo BNG co obxectivo de avanzar nunha fiscalidade social xusta foron rexeitadas”, polo que considerou as propostas coma unha “maquillaxe”.

No mesmo sentido, o concelleiro Rubén Pérez, do grupo mixto, apuntou que “agardabamos un propósito de emenda pola situación que se vive na cidade desde marzo, pero a proposta é insuficiente e non toca as ordenanzas que debería”.

Por último, Alfonso Marnotes, do grupo municipal do PP, apuntou que as propostas “son vergoñentas” e apuntou que “despois do impuestazo do ano pasado, en este 2020, a pesar de dicir que habería baixada de taxas, nada de nada”.

Liñas fundamentais Orzamento municipal

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, tamén deu conta das liñas fundamentais do orzamento de 2021 que, segundo expuxo, “ten en conta as necesidades das persoas” con servizos públicos de calidade, coa defensa do benestar social, educación, cultura e deporte. O Orzamento proxecta unha cidade sen débeda, coa presión fiscal baixa e recolle a conxelación dos ingresos ao non haber suba de impostos, cumpre cos obxectivos de estabilidade orzamentaria e teito de gasto.

Para o concelleiro non adscrito, xabier Pérez Igrexas, é o "momento de facer un orzamento de cidade, non do grupo municipal socialista" pedindo unha mesa local de orzamentos. Rubén Pérez, voceiro do grupo mixto, criticou que o documento contemple suba de impostos directos e indirectos e que se incremente un 1% o gasto en servizos privatizados. O voceiro popular, Alfonso Marnotes, reclamou que o orzamento permita usar "o noso superavit, remanentes e o fondo de 5 mil millóns sen condicións".