O alcalde urxe á Xunta a avanzar con Foanpas na prestación do servizo de comedor
Segundo informou en rolda de prensa, a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos e Alumnas de Vigo “segue esperando noticias” do goberno autonómico sobre os protocolos de actuación e medidas de apoio nos comedores escolares da cidade.
Abel Caballero explicou que desde o 14 de setembro a Xunta de Galicia “non foi quen de contactar” con Foanpas para abordar os protocolos de actuación e as medidas de apoio nos 27 centros públicos de educación Infantil e Primaria de Vigo, onde a Federación olívica ofrece o servizo de comidas, cada día lectivo, a uns 2.300 nenos e nenas.
O alcalde apuntou que ao longo da última semana non se produciu ningún avance, polo que a situación segue paralizada e os 27 colexios públicos non teñen servizo de comedor, algo que atribuíu á “desidia da Xunta de Galicia” e que cualificou como “intolerable”, dado que unha parte do alumnado usuario dos comedores dos centros públicos reciben bolsa do Concello sendo “a única comida seria que realizan cada día”. Amais referiuse ás consecuencias que a falta deste servizo ten na conciliación das familias da cidade, polo que insistiu en que “seguimos urxindo á Xunta de Galicia á máis elemental dilixencia” neste tema.
Cooperación coa Fundación Mulleres por África en Cabo Verde
Abel Caballero deu conta do proxecto de Cooperación Internacional que desenvolve o goberno municipal coa Fundación Mulleres por África en Cabo Verde, atendendo a educación de mulleres menores de idade embarazadas e con fillos ao seu cargo para garantir os seus estudos e necesidades básicas. O proxecto procura evitar o abandono escolar das menores e a súa discriminación promovendo a igualdade de oportunidades na promoción do éxito escolar.
O proxecto desenvólvese en catro institutos de Cabo Verde: Liceo Domingo Ramos, Liceo Amulcar Cabral, Instituto Luciano García e Alfredo da Cruz Silva nos que as nenas reciben apoio académico, psicolóxico e facilidades para a súa formación. O embarazo precoz é un fenómeno moi problemático en Cabo Verde, o 19% das mozas de entre 15-19 anos teñen nenas e nenos.