Escoitar

Vigo inaugura o novo pavillón de Romil, logo de 2,1 millóns de investimento

Abel Caballero e Carmela Silva presidiron este luns o acto de apertura do novo recinto deportivo, custeado polo Concello e a Deputación, que comeza a súa actividade con xadrez, ximnasia e tenis de mesa. O alumnado do CEIP Doutor Fleming empregará tamén a instalación polas mañás.

luns, 21 set 2020
De esquerda a dereita, Javier Pardo, David Regades, Abel Caballero, Carmela Silva, Manel Fernández e Santos Héctor
De esquerda a dereita, Javier Pardo, David Regades, Abel Caballero, Carmela Silva, Manel Fernández e Santos Héctor

Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra acordaron a conversión en pavillón dunha estrutura abandonada durante anos ao final da rúa Romil, actuación que hoxe é realidade despois dun investimento de 2,1 millóns entre ambas institucións. Xunto a Abel Caballero e a Carmela Silva, á visita desta mañá asistiron tamén representantes da empresa constructora, o tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, o seu predecesor no cargo e actual delegado da Zona Franca, David Regades, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e o concelleiro e deputado provincial Santos Héctor Rodríguez.

Na súa intervención, o alcalde explicou que “había unha ferida moi profunda neste lugar, situado ao lado dun gran centro docente e dunha zona densamente habitada”, un espazo que era “a marxinalidade máis absoluta no corazón da cidade”. Engadiu Caballero que foi un “reto” a resolver cunha “actuación integral” para a práctica deportiva e a actividade educativa, mediante un pavillón de “calidade indiscutible e beleza estética extraordinaria”.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación amosou a súa satisfacción pola inauguración dunha nova sede deportiva e incidiu na eliminación dun lugar “abandonado, escuro, que danaba moito á imaxe deste entorno”. Silva explicou que “o alcalde tivo a gran idea de reconverter aquel lugar, que era unha auténtica vergoña, nun espazo como este, cheo de luz e realmente fermoso”, que “cambia todo este espazo” e achégalle “calidade de vida”.

O novo pavillón de Romil conta con 2.600 metros cadrados, unha bancada, vestiarios e aseos, ten accesos adaptados desde o exterior ás dúas plantas e presenta un elevador para a mobilidade interior. Durante a obra, Concello e Deputación acometeron a impermeabilización da praza superior de uso público.

Tanto Silva como Caballero puxeron énfase en que a nova instalación deportiva será empregada polas mañás polo alumnado do CEIP Doutor Fleming, situado xusto ao lado. A actividade arranca este mesmo luns con ximnasia, xadrez e tenis de mesa, aos que se engadirá a loita olímpica cando o permita a normativa derivada do Covid-19.

Romil súmase aos dous novos pavillóns baixo a bancada de Río, no estadio municipal de Balaídos, inaugurados hai unha semana polo alcalde e a presidenta provincial; ambas institucións cooperan tamén nas obras para construír unha nova instalación en Quirós, en Sárdoma. Ademais, baixo o mandato de Abel Caballero, o Concello abriu dous pavillóns na ETEA, outro en Candeán e un máis en Navia.

De esquerda a dereita, Javier Pardo, David Regades, Abel Caballero, Carmela Silva, Manel Fernández e Santos Héctor
Descargar todas as imaxes