Escoitar

Máis de 70 expositores acoden á terceira edición de Vigonatura

A Feira da ecoloxía e a calidade de vida Vigonatura volve o venres 30 de maio ao recinto feiral de Cotogrande con máis de 70 expositores coa pretensión de incidir na conciencia do cidadá e dar a coñecer productos ecolóxicos.

martes, 27 mai 2003
Vigonatura, que aspira a consolidarse na súa terceira edición como feria transfronteiriza da vida saudable, é o único evento destas características que se realiza en Galicia, onde sectores presentes na feria, como é o caso da agricultura ecolóxica (aquela que prescinde de productos químicos), están experimentando un importante despegue.

Portugal ten un espacio específico na feira no que se ofertará desde viño verde ecolóxico a aceite de oliva de Tras-Os-Montes ou plantas medicinais e aromáticas cultivadas no Algarve.

Concretamente, a superficie dedicada á agricultura e á gandeiría ecolóxica na nosa comunidade aumentou nun 80% o pasado ano. Galicia tamén é unha comunidade propicia para o uso de enerxías limpas como a solar, que tamén ten protagonismo na feira, igual que a bioconstrucción, outro sector emerxente que defende a construcción de viviendas máis saudables (realizadas sen materiais contaminantes nin tóxicos) nas que, ademais, non se derrama a enerxía. Os visitantes de Vigonatura terán a oportunidade de aprender técnicas de relaxación e meditación e de aproximarse ao mundo das terapias alternativas, o esoterismo ou a astronomía. Na feira tamén se poderán adquirir productos de hixiene e cosmética natural, música de relaxación, libros e artesanía, ademais de degustar comida vexetariana.

Disporase dun servicio de gardería (que ofrece actividades permanentes aos nenos: relaxación, obradoiros de manualidades con follas secas, de globoflexia e maquillaxe) e a Concellería de Tráfico pon a disposición dos visitantes un servicio gratuíto de autobuses para facilitar o acceso ao recinto ferial.

Información práctica

Horario: de 10.30 a 20.30 horas
Servicio de autobús gratuíto: saídas de Policarpo Sanz (fronte Caixanova) ás 11.00, 16.30 e 17.30 horas. Saídas desde o Ifevi ás 14.00, 19.00 e 20.30 horas.
Prezo da entrada: 5 euros

Máis información