Escoitar

A concellería de Festas e Animación aportará 24.000 euros para o desenvolvemento de actividades socioculturais

A Federación Veciñal "Eduardo Chao" encargarase da organización das iniciativas durante o ano 2003.

luns, 26 mai 2003
A concellería de Festas e Animación Sociocultural e a Federación Veciñal "Eduardo Chao" achegarán un total de 43.730 euros ó desenvolvemento de actividades sociais e culturais nos distintos barrios da cidade de Vigo, en virtude dun convenio que a concelleira Isaura Abelairas asinou recentemente co presidente da Federación Veciñal, Fernando Seixo.

A Federación Veciñal, composta por 32 asociacións de veciños e 83 agrupacións culturais ten entre as súas funcións a coordinación e dinamización das actividades que desenvolven estas asociacións, de aí a sinatura deste documento, que ten por obxecto regular a colaboración entre a concellería e a Federación Veciñal, e recolle unha serie de compromisos que corresponden ás actividades que se realicen no exercicio 2003 e estean organizadas pola Federacción en colaboración co Concello de Vigo.

O importe total contemplado no documento, que terá vixencia ata o 31 de decembro de 2003 e non será prorrogable, ascende a 43.370 euros, dos que a concellería aportará 24.000 e a Federación Veciñal os 19.730 euros restantes.

En virtude deste documento, a Federación Veciñal deberá cumprir coas iniciativas enmarcadas no programa de difusión e promoción sociocultural e na Conmemoración do Día do Estatuto de Galicia 2003.

Así, ademais de velar polo correcto desenvolvemento de tódalas actividades que teñan lugar ó aveiro deste convenio, a Federación Veciñal encargarase de editar e distribuír o material gráfico para cada un dos programas previstos e será responsable da planificación das actuacións, que proporá mensualmente a concellería de Festas e Animación Sociocultural. Editarase tamén un folleto bimensual no que constará a programación completa de actuacións dos grupos en cada barrio da cidade.