Escoitar

O programa ¿Xogas? en galego podemos organiza actividades no parque da Bouza e na praza da Independencia

A Concellería de Normalización Lingüística prosegue o programa de dinamización destinado a nenos de 4 a 10 anos que celebra o sábado 24 de maio unha xornada de xogos tradicionais ás 12:00 no parque da Bouza (Coia) e ás 18:30 na praza da Independencia con xogos e un obradoiro de pintura.

venres, 23 mai 2003
Obradoiros de maquillaxe, obradoiros de pulseiras e colares con sopa e obradoiros de arañas tolas son algunhas das propostas para os nenos que se acheguen ao parque da Bouza. Ademais, haberá xogos con paracaídas e xogos populares como a ra, os bolos ou a corda.

Con este programa quérese que os cativos dispoñan de actividades nas que poidan desenvolvérense en lingua galega para fomentar o uso do idioma a través do lecer. Entre os obxectivos desta sesión está potenciar a expresión verbal e musical, dar a coñecer distintos xogos populares, favorecer a cooperación e o traballo en equipo, educar para a paz e a tolerancia e fomentar valores de respecto pola natureza.

Obradoiro de pintura na praza da Independencia

O programa ¿Xogas?, en galego podemos organiza un obradoiro de pintura sobre o Principiño, de Antoine de Saint-Exupéry, conmemorativo dos 25 anos de traducción ao galego polo escritor Carlos Casares, o sábado 24 de maio ás 18:30 na praza da Independencia.

Os obxectivos deste obradoiro son coñecer e valorar o contido do libro mediante a expresión oral, achegar os cativos ás diferentes mensaxes do autor a través da expresión artística e valorar cómo unha fonte literaria escrita na súa orixe nun idioma diferente ao noso pode traducirse a unha lingua como o galego sen perder o seu significado e a súa riqueza lírica.

Quérese potenciar a literatura en galego a través da expresión oral e escrita e empregar unha linguaxe verbal de forma axustada ás diferentes situacións habituais para expresar ideas, sentimentos, experiencias e desexos. Mediante a participación dos nenos neste obradoiro enriqueceranse e diversificaranse as posibilidades expresivas mediante o emprego de recursos e medios ao seu alcance. Ademais, preténdense respectar as diversidades lingüística e cultural dos pobos e individuos, desenvolvendo unha actitude de interese e respecto cara ao exercicio deste dereito.

Entre as actividades previstas está debuxar a partir da lectura para o que se lles repartirá aos participantes algunha das pasaxes vividas polo Principiño que terán que ler entre eles, mentres os máis pequenos escoitarán a lectura feita por un monitor. Cada grupo representará plasticamente mediante un debuxo as aventuras do Principiño nas súas viaxes colocando frases que fagan referencia ao planeta onde se atopa nese momento o protagonista.

Por medio da linguaxe os nenos decubrirán as distintas pasaxes do Principiño empregando imaxes como rosas, cartos, baobabs, años, homes de negocios ou planetas numerados. Nesta actividade utilizarase a linguaxe oral para estimular o uso do idioma galego.

O Principiño habitaba nun mundo particular formado por obxectos e personaxes que os nenos identificarán sen dificultade. Trala introducción ao conto, os nenos mergullaranse no universo particular do Principiño e realizarán un debuxo e unha descrición dos nomes de elementos que compoñen os elementos de cada planeta.

Os máis pequenos participarán nun xogo no que relacionarán aquelas palabras clave da obra de Antoine de Saint-Exupéry cos debuxos que realizou o propio escritor. A última actividade constitirá en vestirse con atributos propios do Principiño para trasladarse ao seu planeta e descubrir o pracer de viaxar a través dos libros.

Nestas actividades utilizaranse papeis, pinceis, témperas, ceras, textos impresos con distintas pasaxes do Principiño, moquetas, almofadas, teas para vestir, atributos para disfraces e debuxos de obxecto que aparecen no libro, entre outros materiais.