Escoitar

Touporroutou e Cabezolos levarán os xogos de dinamización lingüística á Casa da Xuventude e á Ludoteca de Coruxo

Os nenos poderán participar nas actividades de ¿Xogas? en galego podemos o venres 23 de maio ás 18:30 na Casa da Xuventude de López Mora co grupo Touporroutou e na Ludoteca de Coruxo con Cabezolos.

xoves, 22 mai 2003
Touporroutou ofrecerá un repertorio composto por cancións, contos, xogos e danzas tradicionais combinadas seguindo un guión para ofrecer un espectáculo no que o máis importante é a participación e creatividade. O traballo baséase na recuperación e interpretación dun repertorio tradicional infantil escollido para que os nenos teñan un coñecemento de cómo se divertían os avós.

Preséntase unha nena facéndolle preguntas ao seu avó para saber como se divertían cando eran pequenos. Pregúntalle sobre contos, adiviñas, xogos, cancións e bailes que lle irá mostrando aos demais nenos participantes incitándoos á participación nos mesmos. Deste xeito, quérese transmitir a rica herdanza cultural dos maiores ás novas xeracións para colaborar a manter vivas as tradicións e fomentar o uso da lingua galega a través da transmisión oral.

Preténdese que os nenos participen de forma activa dese repertorio para axudar a que poñan o máximo de atención nas explicacións que lles dan os monitores e facer que aumente a súa concentración e escoita. Coa súa participación nestas cancións-xogo e danzas-xogo, ademais de divertirse, interiorizan o movemento e o ritmo, o que contribúe ao mellor desenvolvemento psicomotor. Ademais, ao seren danzas en grupo axudan a fomentar o compañeirismo e as relacións humanas entre eles.

Tamén se contan e dan a coñecer obras de autores galegos mostrándoas na propia actuación e isto espertará a curiosidade e interese dos nenos pola lectura, contribuíndo ao coñecemento da literatura infantil.

Coruxo

O grupo Cabezolos será o encargado de amenizar unha xornada na Ludoteca de Coruxo o venres 23 de maio a partir das 18:30 dentro do programa de dinamización lingüística ¿Xogas? en galego podemos.

O “xogo da pelota de praia” consiste en realizar presentacións por parellas a través do intercambio dun balón co obxectivo de aprender os nomes dos compañeiros, favorecer a motricidade e a comunicación a través do corpo. Logo realizarase o “xogo da espiral” co fin de favorecer o sentimento de conxunto e estimular a afirmación grupal, para o que será preciso formar un círculo agarrados coas mans e enroscarse moi apretados ata o final que dirixirán o grupo cara fóra cantando unha canción e formando un círculo grande.

Co “xogo da comunicación” fomentaranse conductas de cooperación e valorarase a importancia dunhas condicións mínimas para que a transmisión sexa efectiva. O “cempés” é outro dos xogos previstos para desenvolver a coordinación de movementos, fomentar a cooperación e provocar un ambiente distendido.

O “xogo do gato e o rato” realízase co paracaídas. O gato sobe ao paracaídas e o resto dos participantes érgueno á altura do van e comezan a facer ondas mentres o rato vai por baixo e corre polo bordo procurando fuxir do gato. O xogo segue co cambio de protagonistas.