Escoitar

O Concello entrega este mércores 90 ordenadores para alumnado de Infantil e Primaria da cidade

O goberno municipal investiu 28.000 euros para dotarse de 200 equipos que repartirá aos centros educativos que o solicitaron para facilitarllos aos estudantes que non dispoñen de medios nin conexión para poder seguir a súa formación online.

martes, 9 xuñ 2020
O alcalde compareceu cunha mostra dos portátiles que se entregarán ao alumnado
O alcalde compareceu cunha mostra dos portátiles que se entregarán ao alumnado

O alcalde avanzou este martes en rolda de prensa que mañá mércores se entregarán os primeiros 90 ordenadores portátiles a 31 centros educativos de Infantil e Primaria da cidade e o próximo luns repartiranse 110. Son os equipos que adquiriu o Concello, por un importe de 28.000 euros, para dotar aos centros que o solicitaron para o alumnado que non dispón de medios nin de conexión a Internet para poder seguir a docencia a distancia.

O goberno municipal xa entregara durante esta crise sanitaria outros 100 ordenadores con conexión a Internet, que os centros poñen a disposición do alumnado, polo que cando remate esta campaña teranse repartido un total de 300.

Abel Caballero salientou que se trata dun programa que nace a raíz da emerxencia provocada polo Covid-19 para "evitar que arredor de 600 nenas e nenos da cidade non poidan atender as clases por medios telemáticos". Xunto co ordenador, facilítase a conexión a Internet ata o 31 de xullo aínda que, segundo apuntou o alcalde, en función de como se desenvolva a situación sanitaria e o inicio do curso 2020-2021 non se descarta a posibilidade de prorrogar estes préstamos de equipos e conectividade.

Benestar Social
O rexedor informou da aprobación este luns de 15 axudas de emerxencia por importe de 3.000 euros, da entrega de 521 menús a domicilio así como do aloxamento de máis de 80 persoas en pavillóns e albergues da cidade. Dende o inicio da crise sanitaria, o goberno municipal concedeu 1.058.000 euros en axudas de emerxencia para o apoio social.

Ramplas Gran Vía
Caballero deu conta da finalización da colocación dos 12 tramos con 6 ramplas mecánicas na Gran Vía, entre María Berdiales e Venezuela. Nestes momentos comeza a instalación dos primeiros 26 pórticos que conforman a cuberta das ramplas, que levará un total de 175. Son estruturas de metal de diferentes cores que, unha vez instaladas serán medidas con precisión para colocar os vidros que as unen. Cun orzamento de 5,2 millóns de euros, cofinanciados con Fondos FEDER da Unión Europea, a previsión do Concello é que a obra estea rematada a finais de agosto.

 

 

Descargar todas as imaxes