O Concello reabre este martes as instalacións exteriores de VigoZoo cun terzo do aforo
Abel Caballero informou este luns de que VigoZoo reabrirá mañá co paso de Galicia á Fase 3 de desescalada pola pandemia do Covid-19. As instalacións deberá cumprir un 30% do seu aforo ata que a vindeira semana reabra tamén o edificio do Reptilario e a afluencia xa poderá ser do 50%.
O Concello de Vigo abrirá ao público este martes, 9 de xuño, as instalacións exteriores de VigoZoo logo de pasar Galicia á Fase 3 da desescalada pola pandemia do Covid-19. Segundo informou o alcalde en rolda de prensa, polo de agora tan só poderá cubrir un terzo de aforo, cuxo total é de entre 900 e 1.000 persoas.
Así, VigoZoo reabrirá mañá as zonas exteriores cunha capacidade máxima aproximada de 300 persoas, aínda que a partir do 15 de xuño xa poderá cubrir o aforo ao 50%. As instalacións contarán con direccións únicas e estarán sinalizadas para os visitantes.
“É unha boa nova, a volta á actividade e á nova normalidade”, sinalou Abel Caballero antes de apuntar que o edificio do Reptilario abrirá o vindeiro luns.