Escoitar

O Concello de Vigo e Vitrasa convocan o concurso infantil “Os nosos heroes”

O alcalde avanzou este martes que o Concello de Vigo e Vitrasa convocaron o concurso infantil “Os nosos heroes” para agasallar aos nenos e nenas da cidade polo seu confinamento debido ao Covid-19, así como recoñecer tamén ás persoas maiores.

martes, 12 mai 2020

O Concello de Vigo e a concesionaria do transporte público urbano, Vitrasa, puxeron en marcha este martes o concurso “Os nosos pequenos heroes”, que ten como obxectivo agasallar aos nenos e nenas da cidade polo seu confinamento debido ao Covid-19, así como recoñecer tamén ás persoas maiores.

Segundo explicou o alcalde, Abel Caballero, en rolda de prensa poderán participar menores de 7 a 15 años, ambos inclusive, baixo tres categorías: infantil (de 7 a 9), júnior (de 10 a 12) e xuvenil (de 13 a 15 anos). O concurso comeza este martes, 12 de maio, e finalizará ás 00.00 horas do martes 19 de maio.

O rexedor indicou que os participantes poderán enviar un debuxo, poesía ou relato corto (máx. 750 palabras) cunha temática sobre o seu confinamento (día a día, cociña, tarefas do colexio, aplausos…), sobre o traballo dos seus heroes (sanitarios, condutores, persoal supermercados, farmacias, Policía, Garda Civil…), mensaxes que lles gustaría facer chegar aos maiores de Vigo ou tamén sobre como imaxinan o Vigo do futuro.

Os traballos (debuxos, poesías e microrrelatos) deberán subirse como comentario no post do concurso que se publique na páxina de Vitrasa en Facebook indicando o nome completo do menor e a súa idade.

Haberá premios para cada un dos nove gañadores, un por cada categoría (infantil, júnior e xuvenil) e por cada modalidade (debuxo, poesía e microrrelato). Os gañadores terán seis meses de viaxes gratis ininterrompidos en bus urbano, unha viaxe a bordo do bus turístico para toda a familia (pais e irmáns), unha viaxe a bordo do NadalBus para toda a familia e unha tarxeta regalo valorada en 50 euros.