Escoitar

O goberno de Vigo duplica desde este martes as rúas peonís nos días laborables

Desde mañá martes, entre as 17 e as 23 horas, outras 22 rúas máis serán total ou parcialmente peonís todos os días laborables e se engaden ás máis de vinte que xa o son desde finais da semana pasada. En domingos e festivos, as restricións ao tráfico rodado afectan a unhas 70 rúas.

luns, 11 mai 2020
Abel Caballero en rolda de prensa
Abel Caballero en rolda de prensa

A medida foi anunciada este luns polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen informou de que as novas peonalizacións en días laborables benefician a zonas da cidade como Balaídos, Travesas, o centro, o Calvario e Teis, entre outras. O horario continuará sendo de 17 a 23 horas e as novas rúas serán:

- Zona Balaídos/Castrelos: rúas Caleira, Pablo Iglesias e Olímpicos

- Zona Povisa/Traviesas: López Mora (entre Pintor Lugrís e Camelias) e Hispanidade (entre Camelias e Pintor Colmeiro)

- Zona Torrecedeira: Pi y Margall (desde Llorente) e Severo Ochoa (entre Marqués de Valterra e Jacinto Benavente)

- Zona centro: Carral, Victoria, Concepción Areal e Montero Ríos

- Zona Calvario: Aragón (sentido Travesía de Vigo)

- Zona O Castro: Paseo dos Cedros, Travesía Marqués de Alcedo e Nicaragua (entre Taboada Leal e Praza Elíptica)

- Zona Estación de autobuses: rúas Estornino e Gregorio Espino (entre Aguia e Jenaro de la Fuente)

- Zona Teis: Purificación Saavedra, Pedro Alvarado (entre Enrique Lorenzo e Maceiras), Santander e Doña Fermina

- Zona Barreiro: Antonio Nieto Figueroa

Con estas 22 novas, o Concello practicamente duplicará desde mañá o número de rúas peonís de luns a sábados. Con esta decisión, o goberno vigués pretende ampliar o espazo dispoñible para que a cidadanía poida manter a distancia de seguridade e minimizar o risco de contaxio do Covid-19. Nas vías peonís se permite aos residentes a circulación rodada a un máximo de 10 quilómetros por hora.

Desde finais da semana pasada, os vigueses e viguesas poden gozar dunha vintena de rúas peonís nas tardes das xornadas laborables, que desde mañá serán preto de medio centenar e que chegan ás setenta nos domingos e festivos. A “app Vigo” e a web do Concello recollen o listado das peonalizacións en vigor en cada momento.

Descargar todas as imaxes