Escoitar

Vigo peonaliza 43 rúas en días laborables para ampliar o espazo social

O alcalde non descarta a posibilidade de seguir ampliando o número de rúas e sinala que o Concello recibe moitas peticións para que se manteñan sen tráfico unha vez rematada a situación de pandemia.

martes, 12 mai 2020

Abel Caballero deu conta este martes das novas rúas que pasan a ser peonís en días laborables, dado o bo funcionamento da experiencia na cidade. “Estamos facendo un esforzo importante porque queremos compartir o espazo da cidade coa xente e a cidadanía está moi contenta”, apuntou, engadindo que Vigo conta en días laborables con máis rúas sen tráfico que Madrid nos días festivos.

O rexedor avanzou que o Concello estuda novas peonalizacións e está recibindo “moitas peticións” para que se manteñan así unha vez superadas as restricións do estado de alarma. “Necesitamos espazo social e xa veremos que sucede cando isto acabe”.

Así, deste martes entre as 17 horas e ata as 23 horas da noite estará prohibido o tráfico rodado en 43 rúas da cidade en días laborables. As novas rúas son as que seguen: en zona Balaídos/Castrelos: rúas Caleira, Pablo Iglesias e Olímpicos; en zona Povisa/Travesas: López Mora (entre Pintor Lugrís e Camelias) e Hispanidade (entre Camelias e Pintor Colmeiro); en zona Torrecedeira: Pi y Margall (desde Llorente) e Severo Ochoa (entre Marqués de Valterra e Jacinto Benavente); zona centro: Carral, Victoria, Concepción Areal e Montero Ríos; en zona Calvario: Aragón (sentido Travesía de Vigo), na zona O Castro: Paseo dos Cedros, Travesía Marqués de Alcedo e Nicaragua (entre Taboada Leal e Praza Elíptica); na zona Estación de autobuses: Estorniño e Gregorio Espino (entre Aguia e Jenaro de la Fuente); na zona de Teis: Purificación Saavedra, Pedro Alvarado (entre Enrique Lorenzo e Maceiras), Santander e Doña Fermina e na zona de Barreiro: Antonio Nieto Figueroa.

Amais, os domingos e festivos peonalízanse 70 rúas de Vigo entre as 8 da mañá e as 23 horas da noite.

Reparto de máscaras

O Concello finaliza este martes o reparto das 7.500 máscaras protectoras enviadas polo Goberno de España á Xunta de Galicia que, segundo expuxo o alcalde, “segue sen enviar máscaras das que mercaron”.

Na área urbana, distribuiranse máscaras nas proximidades de Coia-Rotonda Alfageme, no Troncal e na Praza Elíptica. Amais, os voluntarios do Concello levarán este material aos ultramarinos, carnicerías, peixerías, froiterías e panaderías de Alcabre, Santo André de Comesaña, Freixeiro, Navia (San Paio), Oia (San Miguel), Saiáns, San Xoán do Monte, Zamáns e Castrelos.

O alcalde lembrou que o goberno municipal conta cun “número moi significativo de máscaras sen repartir”, polo que apelou a tódalas persoas que saian pouco da casa e non teñan a oportunidade de coller as que reparten os voluntarios, envíen un mail ou que chamen ao teléfono 010 ou contacten coas asociacións de veciños para facerllas chegar á casa.