Escoitar

O Concello xa repartiu 7.500 máscaras das 20.000 que distribuirá ata o próximo luns

O alcalde deu conta de que esta mañá se repartiron 7.500 máscaras nos mercados municipais do Progreso, Teis, e Calvario, así como nas parroquias de Beade, Bembrive, Cabral e Candeán. A distribución seguirá o sábado e o luns que vén, ata completar un primeiro lote de 20.000 máscaras, ao que seguirán outras 80.000 que o Concello está en trámites de adquirir.

venres, 24 abr 2020

O reparto de máscaras cirúrxicas e unha guía de uso comezou esta mañá nos mercados municipais do Progreso, Teis e do Calvario, así como en distintos establecementos de alimentación e farmacias das parroquias de Beade, Bembrive, Cabral e Candeán. Mañá sábado, proseguirá a distribución nos mercados municipais do Berbés, Travesas e Bouzas, e nas parroquias de Coruxo, Lavadores, Matamá, Sárdoma e Valadares. Xa o luns 26 o reparto farase nas proximidades dos centros comerciais de Coia (rotonda Alfageme), Travesía de Vigo e Centro Comercial Gran Vía. As parroquias serán Alcabre, San Andrés de Comesaña, Freixeiro, San Paio de Navia, San Miguel de Oia, Saiáns, San Xoán do Monte e Zamáns.

Trátase dun primeiro reparto de 20.000 máscaras que Povisa adianta ao Concello ata que cheguen as 100.000 unidades que está en trámites de adquirir. Na rolda de prensa virtual, Caballero reiterou a vontade do goberno local de comprar ata 300.000 máscaras aínda que recoñeceu as dificultades que existen por escasez nos mercados dada a alta demanda que existe nestes momentos. O alcalde explicou que o Concello está a distribuír todas as máscaras das que dispón e afeou á Xunta que escatime este material de protección á cidade, dado que non lle envía o que lle corresponde da partida que a autonomía recibiu do Goberno Central.

 

 

 

Descargar todas as imaxes