O Concello aumenta as medidas contra o coronavirus e crea un comité de seguimento

Abel Cabellero deu conta esta mañá de novas medidas de contención do coronavirus que están organizadas desde un comité de seguimento permanente presidido polo propio alcalde. O Concello cancela todas as actividades e programación de todos os departamentos municipais que non sexan imprescindibles.

xoves, 12 mar 2020
O alcalde, en rolda de prensa.
O alcalde, en rolda de prensa.

Segundo explicou esta mañá, o goberno local creou un comité de seguimento permanente pola crise do coronavirus, que está presidido polo alcalde de Vigo, e no que tamén están presentes os tres tenentes de alcalde (Fomento, Seguridade e Urbanismo), a concelleira de Alcaldía, e máis os responsable da Policía Local, a secretaria da Xunta de Goberno e o interventor.

En rolda de prensa, degranou o aumentando dos protocolos contra a expansión do Covid-19. Respecto do transporte público, os taxistas propuxeron medidas adicionais á que se avanzou onte -que pasa por limpar os elementos de contacto logo de cada servizo. A patronal propón novas medidas como o uso de xel desinfectante, incentivar pagos con tarxeta, que o cliente se sente sempre atrás ou que sexan os propios taxistas os que abran e pechen as portas do vehículo. No tocante aos autobuses, ademais da desinfección diaria cun produto específico con especial atención ás superficies de contacto (asentos, barra ou timbre), todos os usuarios que desexen realizar xestións presenciais da tarxeta PassVigo, deberán solicitar cita previa mediante chamada ao teléfono 986919299.

A empresa concesionaria Aqualia tamén activou un protocolo interno para os seus traballadores e os seus centros de traballo: medidas de teletraballo, evitar reunións presenciais, plan de continxencia ante a eventual falta de subministro de equipos, suspensión de visitas.... Urbaser, responsable da limpeza do concello e outras 44 dependencias municipais, tamén impulsou un protocolo de actuación contra o coronavirus que, en primeiro lugar, suporá un reforzo da limpeza en horas de maior afluencia de público, para manter limpas as superficies de contacto: mostradores, pulsadores, barandillas, ascensores. No Concello reforzouse a limpeza pola mañá con 2 persoas máis na planta baixa, 1 persoa máis nas primeiras e segundas plantas e 2 persoas máis para o resto do edificio.

Tamén se incrementou a desinfección nos vestiarios e vehículos de Policía Local, de Protección Civil, Bombeiros, Cemiterios, albergue municipal (aseos, vestíbulo e zonas comúns), servizos de xardíns do Castro e Castrelos, así como en dependencias do zoo.

Desde Benestar Social, vaise realizar una chamada diaria a todos os usuarios para coñecer posibles situacións de risco e facilitar información. Na atención a domicilio, vaise facer un seguimento exhaustivo e continuo dos usuarios, ao tempo que o Concello se dirixiu á Xunta preguntando que medidas de contención ou prevención hai que adoptar neses fogares. Procederase á desinfección diaria do albergue e de Cedro e suspenderanse o programa de avellentamento activo. No programa de Infancia e familia, en ludotecas, bibliotecas e aulas de estudo adoptaranse medidas, ao mesmo tempo que o determine a Xunta, administración competente en materia de centros educativos. Nesta mesma situación se atopan o Vigosónico e a Casa da Xuventude.

Queda suspendida a programación dos Centros cívicos de Casco Vello, Teis, Coruxo, Bouzas e Saiáns, os cursos da Concellería de Emprego e todas as actividades das escolas deportivas municipais. O alcalde xa dera conta onte do aprazamento do Cross Escolar e a Liga escolar de natación.

Nos colexios xa se repartiron dispensadores do xel hidroalcohólico en todos os centros públicos de primaria, institutos, escolas municipais, Instituto Municipal de Educación, biblioteca de Navia e UNED. Estanse a reforzar todas as medidas de limpeza nos centros educativos (excepto nos institutos porque non son competencia municipal). Anúlanse todas as actividades en escolas municipais, as visitas de centros educativos a dependencias municipais, o programa Imatxina ou Bibliotecas Vivintes. Para a inscrición de Escolas Infantís e Vigo en inglés, recoméndase a inscripción telemática ou telefónica.

O rexedor deu conta tamén de que unha estudante de Erasmus en Italia e máis unha amiga que a visitou estableceron contacto onte pola tarde co Concello vía correo electrónico. De xeito inmediato, o concelleiro de Educación interesouse polo seu estado e lles ofreceu toda a cooperación e colaboración co Servizo español para a internacionalización da educación, dependente do Ministerio de Universidades.

No ámbito da cultura, aprázanse todos os concertos de corais, así como a programación do Mar de Vigo e a do Auditorio Municipal.

Nos casos de violencia de xénero, as persoas teñen que ser atendidas de xeito inmediato polo que se establecerá un sistema para que non haxa máis de dúas persoas en espera. Van permanecer abertas pero sen actividade a Casa das Mulleres e o Centro de Recursos Feministas.

O rexedor deu conta tamén do aprazamento das actividades de normalización lingüística, así como da suspensión das visitas escolares ao zoo, instalacións que non pechan porque non hai perigo de aglomeracións de persoas. Paralízanse as actividades do Camiño a camiño e os cursos de voluntariado e de hortas urbanas.

Descargar todas as imaxes