O goberno de Vigo acorda subvencionar con 227.500 euros a cinco clubs deportivos

Segundo informou este xoves Abel Caballero, a Xunta de Goberno Local aprobou as subvencións mediante convenio co Sárdoma CF, o Vigo Voleibol, o CD Amfiv, o CD Bosco e a AD Carballal por importe total de 227.500 euros. Ademais, o goberno vigués validou o convenio para a prestación do transporte escolar do CEIP Mosteiro – Bembrive.

xoves, 12 mar 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves dalgúns asuntos abordados pola Xunta de Goberno Local, como a aprobación das subvencións nominativas mediante convenio con cinco entidades deportivas consideradas de elite na presente tempada 2019/2020.

Os apoios municipais aos clubs suman 227.500 euros, dos que o Sárdoma CF recibe 23.000 euros; o Vigo Voleibol obtén 47.000; o CD Amfiv, 53.000 euros; o CD Bosco, 84.500 euros; e a AD Carballal, outros 20.000 euros.

En segundo lugar, o goberno de Vigo deu liuz verde ao convenio coa ANPA do CEIP Mosteiro-Bembrive para a prestación do servizo de transporte escolar, asumido economicamente polo Concello de Vigo cunha achega de 14.900 euros.

Por último, Caballero trasladou a aprobación do expediente de contratación dos servizos de divulgación para os xacementos arqueolóxicos do Castro, Toralla e Villa Solita. O contrato ofertado ascende a 80.800 euros para dous anos de traballo co obxectivo de promover e divulgar estes espazos e encargarse da atención e información ao público, das visitas guiadas e da coordinación dos servizos.

Vigo Convention Bureau

O alcalde vigués tamén comunicou durante a súa comparecencia deste xoves o nomeamento de Pablo Cameselle como xerente da Vigo Convention Bureau, logo dun proceso de información pública, solicitudes e posterior selección do comité.