Escoitar

O plan municipal de seguimento de transparencia e bo goberno, premiado como práctica de éxito

O alcalde deu conta este mércores da concesión ao Concello do IV Premio Cemci ás prácticas municipais exitosas así como do recoñecemento do Ministerio de Transición Ecolóxica pola implicación de Vigo no fomento da mobilidade sostible.

mércores, 11 mar 2020

O Concello vén de recibir a notificación do IV Premio CEMCI ás Prácticas municipais exitosas polo seu Plan de avaliación e seguimento de transparencia e bo goberno, dotado con 3.500 euros.

O CEMCI, Centro de Estudos Municipais e de Cooperación Internacional, recoñece a adecuación dos contidos do Portal de Transparencia municipal que se fixo máis accesible e intuitivo para impulsar o desenvolvemento da política municipal en materia de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Amais, o Ministerio de Transición Ecolóxica concede unha mención a Vigo pola implicación no fomento da mobilidade sostible de forma continua e especificamente durante a Semana Europea da Mobilidade. Recoñece as accións municipais neste ámbito como a habilitación do carril bici, a aposta polos autobuses gratis o Día sen coches, medidas de accesibilidade, aparcabicis, aceras ampliadas e zonas peonís nunha forma nova de entender a cidade.