Escoitar

O Concello presenta o proxecto técnico para construír unha nova grada de Marcador coa máxima “seguridade e calidade”

A nova grada de Marcador terá visibilidade desde todas as butacas e total accesibilidade, ademais de construírse coa seguridade como obxectivo principal. Así o destacaron este martes en rolda de prensa o concelleiro Javier Pardo, o arquitecto Pedro de la Puente e o enxeñeiro municipal Jerónimo Centrón.

martes, 10 mar 2020
Rolda de prensa de presentación do proxecto técnico da grada de Marcador
Rolda de prensa de presentación do proxecto técnico da grada de Marcador

 

O tenente de alcalde Javier Pardo, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández; o arquitecto Pedro de la Puente e o enxeñeiro municipal Jerónimo Centrón presentaron este martes no Concello de Vigo o proxecto técnico para a construción da nova grada de Marcador en Balaídos.

Segundo indicaron, a nova infraestrutura contará con todos os parámetros de calidade esixidos por organismos internacionais como Fifa e Uefa e está garantida tanto a visibilidade desde todas as butacas como a conectividade entre gradas.

“A seguridade é o factor primordial na obra, está por encima de todo, e o que vamos a construír é un dos mellores estadios de Europa e coa máxima calidade”, asegurou Javier Pardo. Tanto Pedro de la Puente como Jerónimo Centrón explicaron os pormenores técnicos do proxecto e mostraron o resultado final que permitirá conectar as gradas de Marcador con Tribuna e Río.

Así, indicaron que todos os espectadores terán unha visión completa do terreo de xogo e que os oito ascensores (19 cando estea acabado todo o estadio) permitirán a accesibilidade entre todas as bancadas. Tamén explicaron que unha vez rematado o proxecto de Gol, é dicir, con todo o estadio finalizado, non choverá nas butacas.

Segundo o proxecto construtivo do equipo multidisciplinar coordinado polo arquitecto Pedro de la Puente, a nova grada de Marcador terá un total de 6.418 butacas, repartidas entre Marcador Alto (2.791) e Marcador Baixo (3.977).

Licitación e inicio da obra

A actuación comezará coa demolición da vella bancada e a posterior escavación para a execución dun semisoto a cota 4,98 metros, onde se prevé o uso para sala de conferencias e almacéns. Os accesos serán a través dunha zona porticada sobre o vial exterior, onde haberá escadas e oito ascensores.

Na actuación na planta baixa permitirá construír un nó de comunicacións para poder acceder as gradas de Río e Tribuna. Nas plantas 1ª e 2ª estarán os accesos á bancada de marcador Baixo, con zonas reservadas para espazos comerciais e servizos do estadio.

Marcador Alto e iluminación

Por último, a través das plantas 3ª e 4ª poderase acceder á zona de Marcador Alto e haberá espazo para oficinas de control do estadio, zona comercial e uso terciario.

 

Descargar todas as imaxes