Vigo declara como área prioritaria os catro edificios fronte á Colexiata
A Xerencia de Urbanismo deste martes aprobou definitivamente a delimitación como área prioritaria dos números 6, 7, 8 e 9 da Praza da Igrexa, logo de resolver as alegacións presentadas. O goberno de Vigo prevé actuar de forma conxunta nas catro edificacións, que serán retranqueadas para ampliar a praza da Concatedral.

Segundo explicou Abel Caballero, o Concello inclúe estes catro inmobles dentro das súas prioridades de actuación e inicia a incoación e tramitación do expediente expropiatorio.
As parcelas suman 284 metros cadrados en conxunto, que permiten unha edificabilidade máxima de 580 m2. O Plan Especial do Casco Vello prevé que unha parte sexa de uso público, informou o alcalde, quen engadiu que a actuación contempla o retranqueo para ampliar o espazo da praza pública fronte á Concatedral.
Foron presentadas catro alegacións á exposición pública, unha destas aceptada, co que se procedeu á aprobación definitiva da delimitación, que da paso ao comezo do procedemento expropiatorio, de non haber acordo cos propietarios.