Escoitar

O Concello licita a promoción turística de Vigo con voos a Londres, Palma de Mallorca e Ibiza

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou a contratación da promoción turística da cidade para os tres vindeiros anos a través de enlaces aéreos con Londres e Baleares. O alcalde destacou a “máxima importancia” da ruta londinense e indicou que “queremos que estea aprobado o antes posible”.

luns, 9 mar 2020
o alcalde, en rolda de prensa.
o alcalde, en rolda de prensa.

“A conexión área de Vigo con Londres é imprescindible para a cidade, é da maior importancia”. Así cualificou este luns o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a nova ruta que entrará en vigor este ano grazas ao contrato de promoción turística no que tamén se inclúen enlaces con Palma de Mallorca e Ibiza.

O rexedor informou en rolda de prensa de que a Xunta de Goberno Local deu o visto e prace ao expediente de contratación que permitirá ampliar as rutas que operan actualmente desde Peinador. O prezo de licitación do contrato ten un importe de 3 millóns de euros para un total de tres temporadas, entre 2020 e 2022.

A partir da aprobación por parte de goberno local as compañías terán un prazo de quince días para presentar as súas ofertas e está previsto que a adxudicación definitiva sexa a finais do vindeiro mes de abril. “Queremos telo aprobado o antes posible”, sinalou Caballero.

Mercados turísticos

O obxectivo é a promoción da cidade de Vigo nos mercados turísticos británico y balear para atraer visitantes. Realizarase accións de promoción vinculadas a establecer conectividade aérea directa dirixida ao turismo de escapada (citybreaker), negocios, familiar, xuvenil, gastronómico e de eventos e reunións.

As compañías que presentan ofertas deberán cumprir uns requisitos mínimos en cada enlace. Así, o voo entre Vigo e Londres deberá ter no ano 2020 unha frecuencia mínima de dous voos semanais, de ida e volta, durante un mínimo de 24 semanas. Ademais, nos anos 2021 e 2022 a frecuencia mínima será de 3 voos semanais, de ida e volta, durante un mínimo de 31 semanas.

Frecuencias e prazas mínimas

No caso do enlace entre Vigo e Palma de Mallorca, no ano 2020 a frecuencia mínima deberá ser de dous voos semanais, de ida e volta, un mínimo de 24 semanas. Nos anos 2021 e 2022 a frecuencia mínima será de dous voos semanais un mínimo de 31 semanas.

Por último, no voo entre Vigo e Ibiza a frecuencia mínima en 2020 será de dous voos semanais, de ida e volta, durante un mínimo de seis semanas. En 2021 e 2022 a frecuencia mínima de dous voos semanais de ida e volta durante un mínimo de oito semanas.

Ademais, a prazas mínimas esixidas para o ano 2020 nos tres enlaces serán de 10.200, mentres que nos anos 2021 e 2022 serán de 16.700.

Descargar todas as imaxes