Escoitar

O TSXG obriga ao hospital Álvaro Cunqueiro a pagar o IBI como calquera outra sociedade privada

Unha sentenza xudicial obriga ao hospital Álvaro Cunqueiro a pagar uns 970.000 euros do Imposto de Bens e Inmobles en 2019, tal e como lle reclama o Concello. Deste xeito, o TSXG dálle a razón ao goberno municipal na súa decisión de cobrar o IBI á sociedade concesionaria do centro hospitalario, ao ser unha empresa privada.

venres, 6 mar 2020
O alcalde, en rolda de prensa.
O alcalde, en rolda de prensa.

Abel Caballero deu conta esta mañá dunha sentenza que valida a decisión do Concello de cobrar o IBI ao Hospital Álvaro Cunqueiro do ano 2019. O ditame desestima o recurso contencioso-administrativo interposto pola “Sociedade Concesionaria Novo hospital de Vigo S.A.” contra o acordo do Pleno do Concello de 28 de novembro de 2018 polo que se aproba definitivamente a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do Imposto sobre Bens e Inmobles.

Tal e como explicou o rexedor, as ordenanzas fiscais municipais recollían a exención do pago do IBI para os centros sanitarios de titularidade do Sergas pero, segundo a Xerencia Territorial do Catastro, a titularidade do Álvaro Cunqueiro é da Sociedade concesionaria Novo hospital de Vigo S.A. e, ao non ser un centro de titularidade pública, ten que pagar o IBI como calquera outra empresa privada. Esta sentenza obriga á Sociedade concesionaria a abonar uns 970.000 euros anuais de Imposto de bens e inmobles.

Descargar todas as imaxes