O alcalde aposta por dar “prioridade á igualdade” no MARCO coa exposición de Yolanda Herranz
Abel Caballero participou este venres no Museo de Arte Contemporánea (MARCO) na inauguración da exposición “No, aún no”, de Yolanda Herranz, catedrática de Escultura na Universidade de Vigo. A mostra, comisariada por Miguel Fernández Ci e Pilar Souto, estará aberta ata o 14 de xuño no primeiro andar do museo.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este venres no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) a mostra “No, aún no”, da artista Yolanda Herranz, catedrática de Escultura na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
“Con esta mostra arrancamos priorizando a igualdade, esta revolución transversal que é a incorporación da muller a sociedade activa, un lugar que sempre debeu ocupar”, sinalou durante o acto de apertura da exposición, no que tamén estiveron presentes a propia artista, o concelleiro Abel Losada e os comisarios da mostra, Miguel Fernández Cid e Pilar Souto.
Caballero incidiu no feito de que “con esta exposición iniciamos unha forma distinta e nova de dar contido a este contedor, unha senda diferente con esta modernidade na forma de entender esta sala”. A mostra estará aberta ata o 14 do xuño no primeiro andar do museo vigués.
“Sentido e forza dos conceptos”
Tal e como destacou o director do MARCO e tamén comisario, a exposición céntrase nas obras nas que Yolanda Herranz (Barakaldo, Biscaia, 1957) “xoga co sentido e forza dos conceptos, convertendo a palabra en dimensión e enerxía escultórica”.
Arrinca coa serie "El mí y el tú", do seu proxecto Distancias y abismos (2004-7), no que “a rotundidade da mensaxe se une a unha refinada claridade visual”. Destacaron tamén o comisario que “o xeito de resolver a obra ten algo de baixorrelevo, de relato obxectivo”. Xunto a ela, a versión XVI de Destierros (proxecto aberto en 2003) “evoca ausencias e reclama presenzas. A idea dos pasos perdidos, do camiñar errante, da busca de destino, da soidade no grupo... da identidade”.
Tras a presentación, foi a artista a que levou a todos os presentes a través da súa obra nun percorrido pola galería B1 e a sala perimetral do MARCO.