Escoitar

Caballero agradece o esforzo do sector privado no patrocinio do deporte vigués

O alcalde de Vigo recibiu hoxe a un grupo de empresas que contribúen ao reforzo da posición do deporte de Vigo, nun acto enmarcado dentro da promoción da Gala do deporte de Vigo e a súa Comarca, que se celebra a vindeira semana.

venres, 6 mar 2020
Momento do acto
Momento do acto

Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e por representantes de Faro de Vigo e Abanca, tamén patrocinadores da Gala do Deporte de Vigo e a súa Comarca, o rexedor aplaudiu ao sector privado polo seu compromiso co deporte da cidade e tamén co de concellos limítrofes.

"Valoro moito o voso esforzo e gústame ver a actividade privada no deporte", sostivo o rexedor, máis aló da achega económica destas. Para o alcalde, "marchamos xuntos e entre todos facemos Vigo", o que de verdade lle importa.

Empresas que apoian tanto a actividade deportiva co pulo do Concello a través da Concellería de Deportes ou da Fundación VIDE, firmas que sosteñen eventos de nivel ou de base e outras que directamente axudan a entidades deportivas acudiron á cita na casa consistorial. A resposta do empresariado foi moi elevada e o xefe do goberno municipal tivo palabras de agarimo cara a eles. "Non sabedes canto vos agradecemos o que facedes", díxolles, ao tempo que incidiu en que "vos quero ver moitos anos" coincidindo con el en eventos deportivos, sinal de que continúan dando apoio ao deporte.

Con esta convocatoria Caballero recoñeceu, mediante un diploma "pola súa contribución ao deporte de Vigo e a súa comarca", o esforzo do sector privado. "Sodes moi importantes", manifestoulles, anunciándolles ademais que o novo ministro de Cultura e Deporte ten a idea "dunha nova lei de patrocinio que proporcione máis impulso fiscal", apuntou, e coa que el está plenamente de acordo. "O Goberno tamén o ve", sostivo.

Aos representantes das dezaoito empresas que acudiron (Repsol, Altia, Mar de Ons, Hyupersa, Viaxes Zonda, Granitos Ibéricos, Iberconsa, Coca-Cola, Frutas Nieves, Talleres Rodosa, Kaleido, Celtamotor, CdeC, Recalvi, Gadis, Vitrasa, Globalmar e Máis que Auga) recoñeceulles o xefe do goberno vigués "a vosa actividade: sodes empresas de éxito".  

Descargar todas as imaxes