Escoitar

O Concello abre o luns o prazo para solicitar praza nas oito escolas infantís municipais

Abel Caballero informou este venres da aprobación das normas de adxudicación de prazas e matrícula para as 620 vacantes no curso 2020-2021. O Concello adica aos oito centros municipais case que 1,6 millóns e abre as solicitudes este luns, 9 de marzo.

venres, 6 mar 2020

A Xunta de Goberno Local celebrada este venres deu luz verde ás normas que regulan o acceso ás oito escolas infantís municipais no próximo curso para un total de 620 prazas.

A presentación de solicitudes estará aberta do 9 ao 27 deste mes (a través do formulario que estará dispoñible en www.escolasvigo.org/reim a presentar presencialmente no rexistro xeral ou telemáticamente con firma dixital), o 15 de maio terá lugar a publicación das listas provisionais de admitidos, cos seis días posteriores para reclamacións e a publicación das listas definitivas, o 3 de xuño. A formalización da matrícula, entre o 8 e o 19 de xuño.

O Concello reserva un orzamento de 1.565.000 euros para o funcionamento deste ano das oito escolas infantís municipais: Saiáns (con 72 prazas), Bouzas (con 80), Tomás Alonso (78 prazas), Casco Vello (72 vacantes), Teis (82), Lavadores (76), Mestres Goldar (78) e Navia (82 prazas). Abel Caballero recordou a Fundación Amancio Ortega constrúe outra en Bembrive, que xestionará o Concello de Vigo.

Con residencia en Vigo, os solicitantes de novo ingreso poderán solicitar ata dúas opcións de escola, con horarios de mañá e tarde salvo en Saiáns, que ofrece dous horarios continuos. No tocante aos prezos, o alcalde indicou que un 42% do alumnado non paga nada por criterios de renda e que a subvención media ascende ao 82% do custo das prazas.

Autoxestión

Na sesión de hoxe, o goberno vigués aprobou tamén o procedemento do programa de autoxestión, 296.000 euros que o Concello achega aos centros públicos de Infantil e Primaria da cidade que xestionan directamente para afrontar actuacións de reparación e mantemento nos colexios. Esta partida engádese aos case que 600.000 euros que reserva o Concello de Vigo nos seus orzamentos deste ano para reparacións e mantemento nos centros educativos vigueses.