O cartel da Reconquista 2020, “mostra do carácter e a forza da cidade”
O Concello de Vigo e a Asociación de Veciños do Casco Vello presentaron este luns o cartel da festa da Reconquista -do 26 ao 29 de marzo-, no seu primeiro ano como evento de Interese Turístico Nacional. A imaxe, a cargo do deseñador vigués Evaristo Pereira, reflicte a “determinación de Vigo”, en verbas de Abel Caballero.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da asociación veciñal do Casco Vello, José Fumega, desvelaron este luns o cartel da edición 2020 da Festa da Reconquista, obra do deseñador gráfico vigués Evaristo Pereira de la Torre.
O alcalde valorou un deseño que “mostra o carácter e a forza da cidade” e reflicte “moi ben o sentimento da cidade, o carácter e a determinación de Vigo”. A edición deste ano será a primeira desde que a Reconquista fose declarada o pasado verán como Festa de Interese Turístico Nacional.
A Reconquista este ano prolongarase durante catro días, desde o xoves 26 -cando os máis pequenos celebrarán a “Reconquistiña”- ata o domingo 29 de marzo. O mercado contará con 250 postos, segundo informaron os poñentes, quen avanzaron que en próximos días se revelará o programa completo deste ano.