Escoitar

O goberno de Vigo abre a convocatoria para achegas á construción dun campo de béisbol

Abel Caballero informou este mércores da aprobación en Xunta de Goberno da convocatoria de subvencións a entidades deportivas para a construción dun campo de béisbol en Vigo. O Concello tamén deu o visto e prace á convocatoria para achegas á mellora da iluminación en campos de fútbol.

mércores, 11 mar 2020

A Xunta de Goberno Local celebrada o pasado venres deu luz verde ás bases e convocatoria de subvencións a entidades deportivas sen ánimo de lucro orientadas á construción dun campo de béisbol en Vigo.

Segundo explicou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, o importe é de 60.000 euros e a entidade beneficiaria deberá posuír no momento da presentación da solicitude o pleno dominio e disponibilidade dos terreos nas que se vai a realizar a actuación subvencionada.

Ademais, o Concello tamén aprobou as bases e convocatoria de subvencións a entidades deportivas sen ánimo de lucro orientadas á mellora da iluminación en campo de fútbol da cidade de Vigo. Neste caso o importe é de 80.0000 euros e van destinadas a clubs deportivos, asociacións deportivo-culturais, agrupacións de persoas propietarias e entidades deportivas.

Foro de Emprego

A Xunta de Goberno sacou adiante o proxecto de convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para o financiamento do II Foro de Emprego da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais cun importe de 9.903,85 euros.

E por último, foi aprobado o proxecto de convenio coa Asociación Veciñal e Cultural de Lavadores para un programa de dinamización infantil e xuvenil. O importe é de 28.000 euros e o obxectivo é ofrecer un espazo de ocio educativo estable e gratuíto no inmoble chamado Vila Galicia, na rúa Ramón Nieto, n.º 302.