“Liberto”, espectáculo con máis nominacións aos premios María Casares 2020, estará mañá venres no Auditorio Municipal
Dentro da programación de Vigocultura, mañá venres no Auditorio Municipal poderemos gozar de “Liberto”, da compañía Marelas Producións. O espectáculo aspira a sete galardóns, segundo anunciou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
O espectáculo “Liberto”, da compañía Marelas Producións, aspira a sete galardóns, como mellor espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actriz secundaria, música orixinal e iluminación. No Auditorio Municipal de Vigo teremos a oportunidade de ver este venres 28 de febreiro ás 21 horas esta produción, que non terá máis actuacións en Galicia antes da entrega dos premios que terá lugar o 26 de marzo na cidade da Coruña.
Por outro lado, o espectáculo “Bernarda” de Malasombra Producións, que estivo dentro da programación Vigocultura o pasado venres, acada 5 nominacións como mellor espectáculo, dirección, texto orixinal, actriz protagonista e actriz secundaria.
“Despois das ondas” da compañía viguesa ButacaZero, que estivo tamén no Auditorio no pasado mes de outubro, acadou 3 nominacións, mentres que “A compañeira de piso” de Contraproducións, que abriu a programación deste semestre, ten unha nominación a mellor actriz protagonista e “Ummm! Unha comedia musical... para chupar os dedos” de Teatro Avento, estreada en Vigocultura e Premio do Público 2019, está nominada a mellor espectáculo infantil.
Neste semestre dentro do programa Vigocultura poderemos ver outros dous espectáculos que contan con nominacións: “Lambetadas” de Talía Teatro, que estará o domingo 15 de marzo, que opta tamén a mellor espectáculo infantil, e “Medida por Medida” de Producións Teatráis Excéntricas, que estará o venres 17 de abril e que conta con tres actores secundarios nominados ao premio.
As entradas xa poden adquirirse anticipadamente, sen gastos de xestión, a través de www.evenbrite.es , e en Discos Elepé (r/ Doutor Cadaval 35).