O goberno municipal aproba o proxecto de urbanización de Esturáns cunha superficie de 11.200 metros cadrados
A Xerencia de Urbanismo prevé aprobar inicialmente este proxecto que supón a primeira actuación no ámbito da Ordenación Provisional e que o alcalde valora como “un gran desenvolvemento”.
Abel Caballero avanzou a aprobación inicial, na próxima sesión da Xerencia de Urbanismo, do proxecto de urbanización de Esturáns-Polígono II, a zona situada entre Tomás Alonso e Coia, que é a “primeira actuación no ámbito da Ordenación, que amosa eficiencia do Concello”.
O rexedor explicou que se trata dunha zona céntrica “importantísima” que estaba no Plan de 2008 e que caeu pola anulación do mesmo e valorou que supón un “gran desenvolvemento na cidade, que resolve un problema nesa zona”. Agora, a área está incluída na Ordenación Provisional e “xa está no proceso”.
O proxecto contempla unha superficie de 11.200 m2, cunha superficie total edificable de 15.500m2, unha parte serán vías internas, 6.250 metros cadrados son para vivenda protexida, de modo que das 140 previstas, 65 vivendas van ser protexidas. Amais, reserva 1.500m2 para espazos libres e zonas verdes, 38 prazas de aparcamento públicas e a promotora deberá ceder 693 metros cadrados ao Concello para uso residencial.