O alcalde anima á cidade a colaborar co proxecto de Down Vigo a prol da ONG Bicos de Papel
Abel Caballero participou este venres na presentación esta iniciativa solidaria, segundo a cal os alumnos de formación de Down Vigo, da man da empresa local “Las Flores de Greta”, deseñan quince camisetas coa técnica do ecoprint que serán vendidas a través do micromecenazgo. Os fondos irán destinados a Bicos de Papel.
A ONG Bicos de Papel é unha asociación de axuda a nenos oncolóxicos e ás súas familias e precisamente este sábado, 15 de febreiro, se conmemora o día contra o cancro infantil. Neste contexto presentouse este venres na Alcaldía o Proxecto XX, acto que contou coa presenza do alcalde, Nuria Benlloch e José Manuel García Orois, en representación de “Las Flores de Greta” e Down Vigo, respectivamente.
Abel Caballero subliñou a importancia dunha proposta que porta consigo a palabra “solidariedade”, impulsada por “grandes organizacións da cidade”. O rexedor animou á cidadanía a sumarse e mercar as camisetas, manifestou o seu “gran orgullo” por compartir escenario coas nomeadas entidades e trasladou o apoio ao proxecto no nome da cidade.
Segundo explicaron en rolda de prensa, as quince camisetas foron deseñadas polo alumnado do servizo de formación de Down Vigo xunto coas responsables da empresa “Las flores de Greta”. Utilizaron a técnica do ecoprint, que traslada os pigmentos de follas e flores á tecidos de orixe orgánica, creando unhas prendas únicas e exclusivas de algodón ecolóxico. O resultado deste traballo solidario sairá á venda a través dunha campaña de micromecenazgo. Os fondos recadados irán destinados á ONG Bicos de Papel.