Escoitar

Dous camións 100% eléctricos recollerán o lixo no servizo “porta a porta” no Casco Vello e Bouzas

O alcalde de Vigo anunciou este venres que nos vindeiros días o Casco Vello e Bouzas terá outros dous novos camións, 100% eléctricos, para a recollida de lixo porta a porta. Estarán destinados á recollida de vidro e o rexedor destacou a melloría de servizo con vehículos non contaminantes nin ruidosos.

venres, 14 feb 2020

Abel Caballero informou este venres que nos vindeiros días o Concello de Vigo incorporará ao Casco Vello e a Bouzas dous camións de recollida selectiva 100% eléctricos. “Son para a recollida porta a porta de vidro, significa que queremos eliminar contaminación e ruído”, sinalou o alcalde.

O rexedor explicou que tanto no Casco Vello como na zona histórica de Bouzas o Concello dispón dun servizo porta a porta, que o pasado ano recolleu na zona histórica do centro da cidade un total de 287 toneladas de vidro.

Caballero tamén deu os datos de reciclaxe de papel e cartón na cidade o pasado ano (4.945 toneladas), envases lixeiros (3.224 toneladas), vidro nos contedores de rúa (3.454 tn), pilas en contedores e establecementos (26 tn), ropa usada e calzado (345 tn) e aceite vexetal (15 tn).