O Concello presenta un estudio que será a base da ordenanza de contaminación acústica
Abel Caballero e Luis Espada, Valedor do Cidadán, presentaron este venres “Contaminación acústica. Análise normativa e propostas para o municipio de Vigo”, unha publicación que aborda o regulamento nesta materia aplicado nas 30 cidades españolas máis poboadas e na que se propón un borrador para a ordenanza municipal de contaminación acústica.
Para o alcalde de Vigo, na “revolución das cidades, evitar a contaminación acústica é un capítulo imprescindible para o que se precisan decisións e normativas” polo que asume este “gran estudo” realizado por Luis Espada “con agrado como alcalde de Vigo e como presidente da FEMP” xa que ofrece unha “porta para evitar a contaminación” e mesmo unha proposta de ordenanza para regulala, polo que pode servir de inspiración para outras cidades.
Luis Espada, Valedor do Cidadán e autor do libro “Contaminación acústica. Análise normativa e propostas para o municipio de Vigo”, explicou que o libro comprende un estudo sobre a vixencia da normativa sobre contaminación acústica e as soluciones adoptadas polos concellos españois de máis de 200.000 habitantes, que foron adaptando as súas ordenanzas á normativa básica estatal en 6 temáticas consideradas de interese polo seu impacto na vida cotiá da cidadanía: normas de comportamento veciñal e convivencia, actividades na vía pública (concertos, verbenas, manifestacións populares, sistemas de acondicionamento e climatización, traballos na vía pública e na edificación, medios de transporte, actividades recreativas e establecementos públicos. En cada unha destas áreas, o libro recolle as contribucións e propostas das ordenanzas das 30 cidades máis habitadas de España.
Amais, o libro inclúe unha proposta de ordenanza municipal de protección do medio ambiente en materia de ruídos e vibracións, adaptada á normativa básica estatal en materia de contaminación acústica, con 122 artigos desenvolvidos que poden servir de guía para os concellos que busquen “combater o caos”. De feito, Luis Espada explicou que a publicación será remitida a 133 municipios españois con máis de 50.000 habitantes.
Abel Caballero agradeceu ao Valedor do Cidadán o borrador proposto para a ordenanza referindo que “asistimos a un aumento da preocupación” sobre este tema e avanzando que o goberno municipal “elaborará unha ordenanza no ano 2020 que terá como base a proposta de Luis Espada” e, amais, “instarei a que outras cidades de España tracen barreiras contra a contaminación acústica”.