Escoitar

A Confederación Hidrográfica licita o estudo para garantir o subministro de auga en Vigo

Abel Caballero informou de xa foi publicado a licitación do estudo de alternativas para o abastecemento de auga de Vigo e comarca. Entre as opcións que se barallan están o recrecemento da presa de Eiras, a construción dunha nova presa, unha captación no río Verdugo, unha desalinizadora e un transvase do Miño.

xoves, 17 out 2019
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, licitou por 165.147,39 euros o estudo do proxecto de abastecemento de auga a Vigo e á zona sur de Pontevedra.

Segundo explicou este xoves o alcalde, o obxectivo é estudar a forma na que se pode mellorar a regulación e o almacenamento de auga para garantir o abastecemento a Vigo e os municipios de Redondela, Soutomaior, Porriño, Mos, Salceda, Moaña, Cangas, Baiona, Nigrán, Gondomar, Tui, Ponte Caldelas, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.

Caballero indicou que entre as alternativas inclúense o recrecemento da presa de Eiras, a construción dunha nova presa de augas arriba, unha captación no río Verdugo, a construción dunha planta desalinizadora e a construción dunha toma de auga no río Miño. O proxecto, que tardará "uns meses" en elaborarse, estará custeado a partes iguais pola Xunta, o Goberno e o Concello.