Escoitar

O Concello repartirá nos colexios de Vigo 1.000 exemplares do novo poemario de García Teijeiro

"Bicos e non balas", editado por Galaxia, é o novo libro do autor vigués Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil en 2017, e conta coas ilustracións de Bea Gregores. O Concello de Vigo anunciou que repartirá 1.000 exemplares do novo poemario en todos os centros escolares da cidade.

mércores, 16 out 2019
1571228907161019LibroTeijeiro_01.JPG
A nova obra do escritor vigués Antonio García Teijeiro chegará a todos os colexios das cidades grazas a iniciativa do Concello de Vigo para adquirir 1.000 exemplares do poemario e facelo chegar a todos os centros escolares da cidade. "Bicos e non balas", novo libro do Premio Nacional de Literatura Infantil, foi editado por Galaxia e ilustrado por Bea Gregores.

O alcalde, Abel Caballero, participou este mércores na presentación da última obra de García Teijeiro, Vigués Distinguido en 2017 e un dos referentes da literatura infantil. "É un autor único, gran escritor, narrador, poeta... e estamos orgullosos da súa traxectoria", sinalou o rexedor antes de destacar as "sensacionais" ilustracións de Gregores.

Fran Castro, director da Editorial Galaxia, agradceu ao Concello a iniciativa e sinalou que "temos que gabarnos de que na nosa cidade se impulse a cultura, é moi importante que 1.000 nenos e nenas reciban poesía, unha antoloxía sobre a paz". O responsable da editora do poemario engadiu que "temos un concello que aposta pola literatura, pola cultura e pola paz".

Pola súa banda, o propio escritor explicou que "antologuei este libro porque non me gusta o mundo que estou vivindo, non foi un libro feito a posta, son poemas feitos durante 30 anos, é importante que os nenos reflexionen en conxunto sobre a violencia".

"Que chegue a tantas familias é un orgullo, porque hai que facer pedagoxía de paz, porque non me gusta a loucura da guerra, nin os nenos soldados, nin a soidade dos nenos e nenas nun mundo hostil, nin os señores que se lucran coa venda de armas, nin a inmigración forzosa, nin as pateiras como ataúdes no mar, nin a explotación infantil ni a falta de tempo para gozar da vida, a pobreza que nos prohibe soñar", destacou.

A ilustradora Bea Gregores pechou o acto apuntando que "non supuxo ningún problema ilustrar este libro, desde pequena amo e leo poesía e inspireime e moitos autores para seguir adiante e ser mellores humanos, tamén animar aos nenos".
Descargar todas as imaxes