Vigo aproba o VI Programa de medianeiras cun importe de 350.000 euros

A Xunta de Goberno Local deu luz verde a unha nova edición do programa de arte urbana efémera que quere a revitalización da contorna urbana e comercial da cidade. Amais, mañá comezan a executarse os murais dos centros educativos.

xoves, 10 out 2019
O alcalde deu conta este xoves da aprobación na Xunta de Goberno Local do VI Programa para arrombar medianeiras e outros elementos verticais con incidencia sobre a vía pública e demais espazos libres que conforman a paisaxe urbana, que ten un orzamento de 350.000 euros.

Con este programa o Concello de Vigo quere contribuír ao proceso de recuperación e revitalización da contorna urbana e comercial e de reconstrución da paisaxe urbana, poñer en valor o patrimonio da cidade e mellorar a calidade de vida dos habitantes destas zonas da cidade, así como dar a coñecer e valorar a obra de artistas urbanos, que ten un carácter efémero xa que "as obras de arte duran o tempo que permaneza a medianeira ao descuberto", tal e como apuntou o rexedor.

O programa municipal de medianeiras inclúe tamén unha parte divulgativa de aprendizaxe e pintura en centros educativos da cidade que comezan mañá a executar as súas medianeiras. En concreto, van desenvolver os traballos o CEP Igrexa-Valadares, da artista Marte Martinka e o Colexio Mendiño, de XPEN. O próximo luns, día 14, comeza a pintarse o mural do CEI Canicouva de Honey e o do CEIP Escultor Acuña de Eva Casais. O 16 de outubro XPEN inicia a pintura da súa obra na EEI Monte do Alba, o 18 de outubro Marte Martinka pinta no CPR Nuestra Señora de la Esperanza, o 21 de outubro Honey comeza os traballos no CEIP Santa Mariña e Eva Casais no CEIP Frián-Teis. O 25 de outubro, principia a pintura no IES Coruxo a cargo de Marte Martinka, o 28 de outubro no CPR Possumus da man de Honey e no IES Castelao a cargo de Eva Casais. As últimas medianeiras dos centros educativos comezan a executarse o 4 de novembro na EPA Adultos Berbés da man de Marte Martinka e no CEIP Vicente Risco a cargo de Honey.