Escoitar

O alcalde anima a afrontar o Brexit buscando aliados económicos no Reino Unido

O alcalde de Vigo abogou esta mañá porque a cidade afronte de "xeito conxunto" os problemas e as eventuais oportunidades do Brexit, buscando aliados no Reino Unido. Así o explicou esta mañá nunha xornada organizada pola Secretaria de Estado de Comercio na que participaban unha nutrida representación de empresas con intereses neste país.

mércores, 9 out 2019
1570622176091019Brexit.JPG
O alcalde reiterou esta mañá a dependencia de Vigo da economía e da empresa polo que "poucas cidades atenden tanto ao Brexit como nós". Nun escenario "inimaxinable" hai tres anos, é preciso afrontar de xeito conxunto unha deriva política que tamén vai xerar moitos problemas no Reino Unido. A cidade ten que facer fronte aos "problemas do Brexit e buscar as eventuais oportunidades", para o que é fundamental coñecer as implicacións para as empresas da saída do Reino Unido da Unión Europea.

Na apertura da xornada Como facer do Brexit unha oportunidade organizada esta mañá pola Secretaría de Estado de Comercio, Caballero alertou da necesidade de estar preparado para o peor escenario -aínda que non suceda - para unha saída abrupta, sen ningún tipo de acordo.

Na Cámara de Comercio o rexedor insistiu na importancia destas xornadas para coñecer moi ben a realidade que se pode dar a partir do 31 de outubro. Animou a buscar "aliados" no Reino Unido para conservar a "mellor relación" posible cun territorio co que Vigo ten vínculos tan importantes como a pesca, o automóbil e está a punto de empezar a funcionar unha conexión por ferry. "Temos que ser capaces de atopar as vantaxes desta situación porque as grandes oportunidades aparecen nas quebras das infraestruturas", insistiu ante un nutrido grupo de representantes de empresas con intereses no Reino Unido.

O alcalde inaugurou estas xornadas acompañado pola subdelegada do Goberno Maica Larriba, ademais de Olga Bobadilla, delegada da Axencia Estatal da Administración Tributaria en Vigo; e Sergio Prieto, director Territorial de Comercio e ICEX en Galicia.
Descargar todas as imaxes