Escoitar

Acordo sobre a ordenación da Praza da Independencia

luns, 21 mai 2001
O Pleno da Corporación aprobou hoxe por unanimidade un acordo sobre a ordenación da Praza da Independencia. A acordo consensuado polos catro grupos municipais consta de oito puntos.

1.- Manter sobre a superficie da Praza da Independencia o vial Camelias-Camelias, con tres carrís de circulación, dous en sentido Travesas-Centro e outro en dirección Centro-Travesas (dirección Travesas, só para o transporte público, e dirección centro, para todo tipo de tráfico). Os devanditos carrís terán unha lixeira curvatura cara a rúa Pintor Lugrís, mantendo un ancho de tres metros nos treitos rectos e a amplitude necesaria nas curvas, para que xiren perfectamente os autobuses e os vagóns do futuro metro lixeiro. As paradas do bus e do futuro metro lixeiro estarán situadas na propia Praza.

2.- Con independencia do tratamento en superficie da praza a executar no prazo fixado no apartado sete, procederase a unha reformulación da concesión, cumprindo con tódalas formalidades esixibles e de mutuo acordo coa UTE “ELOYMAR & TRANVIAS ELECTRICOS DE VIGO, S.A.” outorgada no seu día polo Pleno da Corporación Municipal, sen coste algún para as arcas municipais, de xeito que nun prazo non superior a dous anos suprimirase a boca de saída do aparcamento subterráneo localizada na Avda. das Camelias-dirección centro, trasladándoa a unha rúa lateral da Praza, para garantir así o interese xeral, consistente no mellor funcionamento posible do eixo Camelias-Camelias e para facilitar no seu día o paso do metro lixeiro pola zona.

3.- Ampliar a beirarrúa de Álvaro Cunqueiro próxima á Praza, habilitando zonas de aparcamento e de carga e descarga. Dotar esta rúa de dous carrís de circulación, podendo chegar a tres en treitos concretos da mesma para facilitar o tráfico rodado.

4.- Adaptar a regularización semafórica da Praza e do seu contorno á nova situación dos tráficos, facilitando ó máximo o cruce dos peóns.

5.- Garantir o acceso de vehículos de emerxencia a todos os edificios da Praza mediante un tratamento adecuado da superficie da mesma.

6.- Peatonalizar os treitos das rúas Pintor Colmeiro, Regueiro e Pintor Lugrís comprendidos entre a Praza e Álvaro Cunqueiro, permitindo só o acceso dos vehículos ós garaxes privados.

7.- O prazo máximo de execución das obras será de dous meses dende a aprobación do proxecto.

8.- O proxecto que presentará a concesionaria recollendo estas directrices en canto a ordenación da Praza, aprobarase polo Consello da Xerencia.



O alcalde celebra que os grupos municipais chegasen a un acordo sobre a praza da Independencia

O alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, avaliou de forma positiva que todos os grupos da Corporación chegasen a un acordo sobre a ordenación da superficie da praza da Independencia. Castrillo manifestou que agora agarda da responsabilidade de todas as forzas políticas que ninguén rompa ese consenso.

O alcalde cre que o acordo chegou nun momento no que a situación da praza xa era insostible ao fracasar todas as tentativas realizadas para que se aprobase un proxecto de acondicionamento da superficie. Por iso, congratúlase do consenso acadado finalmente e considera ademais que a proposta aprobada pode satisfacer a toda a veciñanza, xa que sintetiza as diversas posturas postas de manifesto.

Lois Castrillo afirmou que o novo ordenamento da praza da Independencia e o seu contorno, que coincide coa proposta presentada en febreiro pasado no Consello da Xerencia, vai permitir gañar moito espacio para os peóns. Ademais, o tratamento que recibirá a praza fará que mellore esteticamente e que se convirta nun lugar de encontro para os residentes da zona.