Escoitar

A Concellería de Sanidade colabora cunha campaña de información sobre o Alzheimer

venres, 18 mai 2001
imx240.jpg
O Concello emprenderá, en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Galicia, unha campaña de sensibilización sobre esta doenza nos centros de ensino, asociacións veciñais, centros de saúde e outros colectivos sociais.

O obxectivo deste programa é concienciar a cidadanía sobre o problema social que ocasiona esta enfermidade, tanto nos familares como no contorno. A primeira fase consistirá na distribución de dípticos e carteis informativos sobre o Alzheimer e, a comezos do curso que vén, organizaranse xornadas divulgativas. ”Trátase de concienciar á poboación e ás administracións en canto a axuda prestada polo voluntariado, para dar unha visión distinta e positiva do que significa a enfermidade”, indicou o concelleiro Santiago Domínguez.

A presidenta da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer, Concha Blanco, sinalou que esta campaña pretende ofrecerlle pautas e información sobre a enfermidade ós mozos para que se poidan converter, nun futuro, en coidadores dos afectados. Explicou que en Galicia non existe un estudio epidemiolóxico, pero que se barallan datos de que o Alzheimer lle afecta ó 45% da poboación maior de 65 anos, e que esta porcentaxe se duplica despois dos 80 anos de idade.

As persoas afectadas ocasionan gastos anuais entre dous e tres millóns de pesetas para as familias, requiren unha vixilancia permanente e o feito de ser o Alzheimer unha enfermidade dexenerativa de longa duración ocasiona graves transtornos nas relacións sociais da familia.
Descargar todas as imaxes