Escoitar

Un paseo virtual por Vigozoo

mércores, 16 mai 2001
imx232.jpg
A Concellería de Medio Ambiente presentou a páxina web de Vigozoo, que xa recibiu 33.700 entradas desde a súa posta en funcionamento hai menos dun mes. Nela, pódese encontrar información adaptada ás esixencias requiridas segundo os distintos niveis de coñecemento dos usuarios.

O concelleiro de Medio Ambiente, Amador Fernández, sinalou as funcións social e educativa que se pretenden ofrecer desde Vigozoo. A parte máis negativa nestes momentos non é que os animais estean engaiolados como se puidera crer, explicou
Fernández, senón a falta de dedicación á divulgación e á investigación que padece.

Para satisfacer esta demanda, dez equipos da Universidade de Vigo desenvolven un labor de investigación sobre diversos temas e, dentro de pouco, concederanse cinco bolsas para que os estudiantes deseñen un programa educativo. Os centros escolares recibirán información sobre o zoo nas propias aulas e, logo, os estudiantes poderán desprazarse á Madroa para coñeceren os animais.

Trátase de transmitir a necesidade da existencia dos zoolóxicos tanto para a acollida de animais comisados ou feridos, como para a preservación dalgunhas especies que, de non viviren en catividade, desaparecerían, ademais do sabido labor de divulgación da fauna.

O deseño da páxina contou co asesoramento do director veterinario do zoo, na parte científica, e co traballo de dous obxectores de conciencia que clasificaron e axeitaron os contidos á diversidade formativa dos usuarios. ”É un deseño adaptado ós rapaces pero que tamén serve para ofrecerlles a máxima información posible ós visitantes”, dixo o concelleiro. Lexislación, noticias sobre o zoo, hábitat e alimentación dos animais son algúns dos contidos da páxina.

Estableceuse un sistema de apadriñamento, no que cada persoa pode escoller un animal e figurar no correspondente listado de seguidores. No apartado destinado ás empresas, estarán as proveedoras do zoo e as que desexen investir en publicidade. Atópase tamén a Deputación de Pontevedra e a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, polo seu apoio ó centro.

Entre outras instalacións, o zoo conta cunha biblioteca, con laboratorios e cun auditorio dotado de sistemas DVD, vídeo e televisor para a proxección de programas de interese para os visitantes.

O acordo sobre o peche perimetral do zoo tomarase hoxe pola tarde para levar á vindeira sesión plenaria. Amador Fernández indicou que se establecerá un plan plurianual de investimentos para realizar esta obra.


------------------
Pódese entrar desde a páxina do Concello de Vigo (www.vigo.org) ou ben mediante os enderezos www.vigozoo.org e www.vigozoo.com
Descargar todas as imaxes