Escoitar

Benestar Social realiza un proxecto de educación para a saúde

martes, 15 mai 2001
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Asociación de Madres en Defensa dos Xoves Drogodependentes e Cáritas Diocesanas para a realización dun programa de educación para a sáude.

A concellería de Benestar Social vén traballando dende hai tempo en programas de prevención do consumo de drogas e, nun senso máis amplo, nos de promoción da saúde. Isto tradúcese na asunción de accións encamiñadas na prevención e na reinserción.

No traballo desenvolvido, vaise avanzando cara accións máis complexas como o Plan Local de Drogas, que abranguerá os eidos da prevención, atención e reinserción. Plan que, en breve, se vai facer realidade.

A finalidade do convenio asinado hoxe é o desenvolvemento dun programa de educación para a saúde, dirixido a xoves de idades comprendidas entre os 14 e os 20 anos.

O proxecto é unha vía de acción nova que permitirá o afrontamento de novas medidas de traballo en educación para a saúde, mediante unha acción informativa de captación de voluntarios e a formación destes para unha posterior intervención en centros de educación formal e non formal.

O Concellería de Benestar Social afronta unha parte do gasto do proxecto global presentado, por importe de 600.000 pesetas, para cubrir os custos materiais, de desprazamento e similares, xerados pola posta en marcha da acción con voluntarios e profesionais das entidades coas que se vai conveniar.