Escoitar

O Pleno someterá a votación o proxecto de prolongación do túnel de Beiramar

luns, 14 mai 2001
O Pleno da Corporación municipal, que se reunirá o martes en sesión extraordinaria, someterá a aprobación o proxecto de construcción dun novo vial que conectará o túnel de Beiramar coa autoestrada e coa rúa Sanjurjo Badía para que o Consorcio da Zona Franca poida licitar as obras.

O proxecto foi redactado pola entidade mercantil “Apia XXI s.a.” e asinado polo enxeñeiro Marcos J. Pantaleón. O presuposto de execución é de 3.300 millóns de pesetas. Nesa cantidade inclúese unha partida alzada a xustificar de 104 millóns de pesetas destinados a renovar os servicios de saneamento da zona afectada. A empresa Seragua terá que establecer, de acordo co autor do proxecto, o sistema que se utilizará para acondicionar a rede de saneamento e augas pluviais.

A construcción desta infraestructura é o resultado dun convenio asinado entre o Concello, o Consorcio da Zona Franca, a Autoridade Portuaria e Renfe. A súa execución permitirá eliminar boa parte do tráfico que decorre polo Areal e a glorieta de Isaac Peral e facilitar un enlace rápido entre a autoestrada e a zona de Beiramar.