Escoitar

O alcalde presenta a rehabilitación da antiga casa rectoral do Barrio Histórico

venres, 11 mai 2001
imx215.jpg
Vista exterior do edificio
O alcalde de Vigo presentou as instalacións do novo centro de servicios comunitarios que se localizarán na antiga casa rectoral do Barrio Histórico, un edificio que acaba de ser totalmente remodelado con fondos do Concello e do programa Urban. A obra, dirixida polo arquitecto Alberto de Cominges, custou 80 millóns de pesetas.

O inmoble é propiedade da Diócese de Tui-Vigo, coa que o Concello asinou un convenio para poder realizar a obra e compartir o seu uso. O edificio vai acoller un centro destinado á formación de xente nova en novas tecnoloxías da información. A súa localización permitirá atraer a mocidade ó Barrio Histórico.
Ademais contará cunha sala de conferencias.

Na remodelación reservouse un espacio para gardar as andas do Cristo da Victoria. O acordo coa Diócese recolle tamén a posibilidade de que as dependencias poidan ser utilizadas para os ensaios da coral e para outras actividades da parroquia.

Lois Castrillo sinalou que esta rehabilitación foi unha das obras do Programa Urban que se puxo en marcha coa súa chegada ao Goberno. Nestes dous últimos anos executouse a meirande parte do programa de rehabilitación do barrio. Actualmente estase traballando na rehabilitación do Cárcere Vello, un edificio de propiedade municipal no que se habilitará a sede da asociación de veciños, e diversas dependencias de servicios sociais. Tamén se están rematando as obras do contorno da igrexa de S. Francisco, do contorno do castelo de S. Sebastián e as do plan de fachadas. O alcalde subliñou que este ano o Goberno cumprirá co seu obxectivo de rematar en prazo todas as obras previstas no programa Urban. O paso seguinte, que xa se está dando é o de promover a rehabilitación de vivendas no Barrio Histórico. Nestes momentos xa foron seleccionadas unhas 80 solicitudes.

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández, sinalou que este centro acollerá actuacións formativas de diversa índole, entre as que figuran as destinadas ó alumnado da Escola Obradoiro para completar o seu currículo con materias sobre novas tecnoloxías e así garantir unha mellor preparación para o seu futuro profesional.
Descargar todas as imaxes