Escoitar

Clausura do ”Curso de mediadores xuvenís en hábitos saudables”

venres, 11 mai 2001
A concelleira Belén Sío entregará os certificados do ”Curso de mediadores xuvenís en hábitos saudables” que remata o sábado cunha sesión de avaliación dos proxectos desenvolvidos polo alumnado.

O proceso formativo iniciado co ”Curso de mediadores xuvenís en hábitos saudables” principiou no mes de novembro. Nel déronse as bases teóricas e mailas pautas para a posta en marcha de proxectos relacionados coa saúde que se levaron á práctica nos primeiros meses deste ano. Naquel curso participaron 16 persoas, de entre 16 e 30 anos, que desempeñan o seu labor en 13 asociacións xuvenís da cidade.

O curso previo, desenvolvido entre o 11 e o 22 de novembro de 2000 e de 30 horas de duración, proporcionoulles ós participantes os coñecementos e actitudes sobre hábitos saudables referidos á poboación xuvenil, en temas como prevención de drogodependencias e información sobre sexualidade, entre outros. Aprenderon tamén un modelo básico de programación de actividades de promoción de hábitos saudables, concretado en sete proxectos, que 15 asistentes desenvolveron en asociacións e centros do municipio e do contorno. Estiveron en asociacións xuvenís, centros de atención a drogodependentes, centros escolares, centrais sindicais e prisión.

As actividades e proxectos realizados entre xaneiro e maio do presente ano son accións relacionadas co deporte, teatro, cine e formación de voluntariado aplicando o modelo de traballo que defende a Concellería de Benestar Social. Con anterioridade xa se desenvolvera un curso de formación dirixido a Mediadores Sociais que traballaban en asociacións veciñais.