Escoitar

O concelleiro de Facenda cualifica de ”usura” a petición dos comuneiros de Zamáns polos terreos expropiados para a Universidade

venres, 11 mai 2001
A Comunidade de Montes de Zamáns comunicou esta mañá ao Concello o seu rexeitamento á oferta realizada formalmente polo Goberno municipal para o pago dos terreos expropiados para construír o campus universitario. O concelleiro de Facenda, Xavier Toba, explicou que a proposta, aprobada pola Comisión de Goberno o 12 de marzo de 2001, recollía o pago de 817.099.500 pesetas que se abonarían nos próximos catro exercicios presupostarios. A oferta incluía ademais a cesión á Asociación Veciñal de Zamáns do Centro Socio Cultural da parroquia como compensación polos intereses derivados da demora no pago.

A expropiación dos terreos que Vigo destinou a construír a súa Universidade (543.000 m2) principiou en marzo de 1993. O actual Goberno municipal comezou a xestionar o pagamento deses terreos comunais apoiándose nunha resolución do Xurado Provincial de Expropiacións que fixou un prezo de 1.500 pesetas por m2. A proposta realizada polo Goberno municipal aos comuneiros, agora rexeitada por estes, consistía en pagar 817 millóns de pesetas nos próximos catros anos sempre que a Comunidade de Montes renunciase ao exercicio de accións xudiciais.

O concelleiro de Facenda, Xavier Toba, considerou a decisión dos comuneiros de pedir a paralización das obras do campus unha demostración de deslealdade coa cidade e un exemplo de usura. Toba dixo que o Concello vai facer un esforzo presupostario moi importante para pagar as expropiacións e criticou que uns veciños de Vigo poñan en perigo o futuro da Universidade para conseguir máis diñeiro por uns terreos que eran comunais.